A Mariña, 11 de decembro de 2015.- O pleno que a Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará o próximo 14 de decembro levará na orde do día a incorporación do Concello de Viveiro a esta entidade, a presenza da comarca en Fitur e a promoción dos recursos propios. Anunciouno o presidente do ente, Alfredo Llano. A sesión terá lugar no Concello do Valadouro a partir das 20 horas, en primeira convocatoria.
O presidente da Mancomunidade explicou que “hai unha serie de temas que son xerais, como é normal, pero outros de máis a importancia para a Mancomunidade en si mesma, como a execución orzamentaria correspondente ao terceiro trimestre. Vai haber un proxecto integral para adecuación da Mancomunidade á normativa vixente en materia de protección de datos, é algo que se está aplicando e corresponde facelo por lei. Hai unha proposta de modificación dos estatutos a petición do Concello de Viveiro, que se vai incorporar, é un municipio que xa debera estar aí pero de momento e por algunha cuestión non estivo, pero agora si que se quere incorporar e agora si temos unha fortaleza como Mancomunidade porque incorporamos á totalidade dos municipios, que somos 16, 8 de costa e 8 de interior. Imos intentar facer unha boa labor derivada deste bo entendemento, desta nova incorporación. Penso que a Mancomunidade debe agora empezar a traballar e a traballar ben a favor de todos os concellos”.
Llano seguiu a relatar que “hai outra cuestión que se levará ao pleno, que é a aprobación do orzamento xeral da Mancomunidade para 2016. Xa diremos a canto ascende porque antes de marcalo na súa definición final imos falalo no pleno porque hai que facer unhas propostas con respecto á recadación. Logo tamén hai unha serie de cuestións das que quero informar e ser informado, como o Premio Nacional de Artesanía 2015. Temos solicitada a participación no mesmo xa que se fixo un proxecto moi importante dunha ruta de artesáns de toda a comarca, que penso que pola súa forma de divulgarse merece un premio que temos solicitado, aínda que non foi aínda resolto. Estamos contentos e fíxose unha boa labor na promoción da artesanía da comarca da Mariña”.
Ademais, o presidente indicou que “imos tamén facer unha solicitude de subvención á Deputación de Lugo. Á Mancomunidade correspóndelle solicitar subvencións para diferentes cuestións tanto á Deputación como á Xunta ou ao goberno do Estado. E despois tamén imos facer un informe do que foi a recollida este ano de roupa usada. Temos en toda a Mariña, falta en Viveiro, onde se van colocar uns contedores para recoller roupa usada moi deteriorada. O que se fai é reciclala. É moi importante o que se está facendo coa recollida e reciclaxe desta roupa. As veces pensamos a onde vai tanta roupa que usa a xente, evidentemente vai ao lixo e iso compromete moito gasto aos Concellos no tratamento deste lixo, pero con esta recollida selectiva e esta forma de facer as cousas gáñase en moitos aspectos, sobre todo no medioambiental e é un aforro para os Concellos”.
Alfredo Llano manifesta que “hai tamén recollida selectiva de aceite, tamén temos unha serie de contedores, e é moi importante porque abarata o tratamento medioambiental, afórranse moitos cartos e ao mesmo significa que uns residuos que de ser moi perigosos pasan a ser útiles e iso é unha boa cousa”.
A participación en Fitur tamén estará a orde do día do pleno da Mancomunidade do vindeiro luns: “imos participar en Fitur, que vai ser a fin de semana do 20 de xaneiro, e imos organizarnos un pouco para estar presentes, como é lóxico, nesa feira de promoción turística en Madrid. Imos estar participando os 16 Concellos a través da Mancomunidade, aínda que individualmente é posible que algún queira manifestar algunha situación ou cuestión novas. Pero estamos organizándonos para ir todos e estar alí representados”.
E engadiu: “hai unha proposta de proxecto de actuación da Mancomunidade. Eu quero que todos os Concellos me fagan propostas das súas preferencias e do tipo de cousas que queiran facer e telas en conta para chegar entre todos a acordos para divulgar a comarca e a cada municipio como corresponde”.
Outras reivindicacións
O presidente da Mancomunidade cre que “esta é unha comarca que debe ser compartida por todos os Concellos, promocionada por todos para que deste xeito cada un individualmente saia beneficiado. Imos tratar propostas de infraestruturas, reclamar que as estradas nacionais correspondentes a Fomento se arranxen dunha vez, que se preparen, que estean acordes ao desenvolvemento económico e social da Mariña. Non se entende que a estas alturas moitas das estradas de Fomento estean no deterioro que están, hai algún arranxo pero non é unha solución integral, senón parcial. Desde a Mancomunidade imos reclamar a autovía Barreiros-San Cibrao, porque é unha cuestión fundamental para o noso desenvolvemento comarcal. Tamén miraremos o do corredor entre San Cibrao e Ferrol, que se remate o antes posible, e logo tamén aspectos portuarios, porque hai moitos concellos que teñen moita importancia na pesca. Xa falaremos disto máis adiante cando falemos con Portos do porto de San Cibrao e a súa repercusión na economía do resto”.
Alfredo Llano rematou a súa análise dicindo que “logo hai outras cousas, a protección e reclamo dos servizos supramunicipais, como son os bombeiros, aí imos establecer unha serie de conexións e participación en contacto constante coas bases de bombeiros de Barreiros e Viveiro. Queremos organizarnos e saber como son as pautas e protocolos e poder estar sempre da mellor forma posible para atender as necesidades que podan existir.Tamén miraremos a cuestión dos servizos de sanidade, educativos, medio ambiente e aforro enerxético. Hai programas que debemos aproveitar na nosa colectividade para promocionar o aforro enerxético. Hai outras cuestións ás que lle quero dar importancia, como a cultura da comarca a través dos nosos artistas e autores, o Camiño Norte, a etnografía e a artesanía, todo aquilo que no seu conxunto mellore a cuestión social e económica. No turismo temos que insistir no deporte, en rutas de sendeirismo, deportes marítimos, hostalaría e promoción das praias. Imos tratar algo que debe marcar unha filosofía que é ver a comarca como un conxunto no que cada Concello debe ser protagonista e partícipe da mellora integral de todos os concellos da comarca”.