A Mariña, 4 de xaneiro de 2016.- O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, convoca aos alcaldes ou representes das áreas de turismo dos Concellos a unha xuntanza que terá lugar o vindeiro luns, 11 de xaneiro, ás 20 horas da tarde no Concello burelés. O obxectivo é falar da presenza da Mariña en Fitur, a Feira Internacional de Turismo, que se celebra en Madrid do 20 ao 24 de xaneiro.
Llano contou que “estamos a convocar a todos os alcaldes ou persoas nas que deleguen, como técnicos ou concelleiros de Turismo de cada Concello, para o día 11 de xaneiro ás 20 horas no Salón de Plenos do Concello de Burela. O obxectivo é facer unha reunión específica sobre a feira de Fitur 2016”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “imos tratar de facer unha coordinación e establecer unha forma de actuar alí de tal xeito que cheguemos a Madrid con todo ben preparado e máis ou menos sabido para poder aplicalo. Imos todos en representación do conxunto dos municipios e imos mirar para que a nosa comarca da Mariña saia moi beneficiada en Fitur, que se coñeza, dar a coñecer a todo o mundo que teña interese cales son as vantaxes de visitar a nosa comarca, cales son os recursos máis interesantes para todos os visitantes potenciais. Por iso imos ter esta reunión o día 11 para coordinarnos e intercambiar ideas e recursos e ultimar todo aquilo que sexa interesante para a Mariña en Fitur”.