A Casa da Cultura “Poeta Manuel María” acollerá o vindeiro 18 de Marzo un acto de homenaxe e lembranza ao autor que lle dá nome, o poeta chairego Manuel María, coincidindo co cincuenta aniversario do seu libro “Versos frolecidos en louvanza a Foz” e no mesmo ano en que a “Academia Galega” lle outorga o “Día das Letras Galegas”. O acto realizarase baixo o titulo de “Compañeiro de ronseis floridos” parafraseando uns versos recollidos no citado poemario pero facendo ao mesmo tempo referencia a relación de Manuel María con Foz.
A Asociación Cultural “A Pomba do Arco”, da que Manuel María foi o seu primeiro socio de honra, e o Concello de Foz, institución coa que o poeta colaborou ao longo de moitos anos, organizadores deste acto contarán coa presenza de Suso Fernández, Cronista oficial de Foz e amigo do poeta, Alberte Ansede, xerente da Fundación Manuel María, e Saleta Goi, viúva de Manuel María, que tocaran diversos aspectos da vida e da obra do poeta e de xeito moi particular a súa relación con Foz e coas terras da Mariña. Asemade, o músico Arcadio Mon presentará diversos temas compostos sobre poemas de Manuel María, entre os que destacan catro composicións que teñen como base outros catro poemas dos “Versos frolecidos en louvanza a Foz” e o Clube de Lectura Infantil “A Pombiña” dramatizará a peza de teatro de Manuel María “O Auto do Raboces”. O acto rematará coa intervención dun representante da Asociación Cultural e do Alcalde Foz.
“Os versos frolecidos en louvanza a Foz” foron dados a coñecer no marco dos primeiros xogos florais da costa lucense , celebrados na nosa vila en Agosto de 1966, nun acto mantido polo tamén poeta Eugenio Montes e publicados un ano máis tarde pola Librería Bahía de Foz. Manuel María, ao longo dos poemas deste libro, canta a nosa paisaxe, viaxe por diversos lugares da vila e das parroquias, dialoga cos veciños e veciñas de Foz, lembra aos seus fillos ilustres e mesmo se converte nun poeta mariñeiro el que foi sempre home de terra a dentro até converterse nun auténtico retrato daquel Foz.Pero alén dos valores literarios da obra, este traballo abre a porta da longa relación que este autor vai coa nosa vila, unha relación que terá continuado ao longo da súa vida e que superará o mesmo marco creativo.
“O Auto de Raboces” é unha obra teatral en verso que Manuel María escribiu en 2001 por encargo do “Grupo Coto de Faro” de Nois e que foi representada ese mesmo ano nas festas patronais da referida localidade. Nesta obra o autor dramatiza unha vella lenda popular de Nois referida os sucesos que lle acontecen a unha cuadrilla de veciños de Nois e Cangas cando volven da sega de Castela e se lles aparece un encanto na “Fonte de Raboces” e que permite achegarse ao mesmo tempo a nosa tradición etnográfica e denunciar a explotación dos galegos en Castela. Agardamos que o acto serva para divulgar esta obra que se daba por perdida entre a bibliografía do autor e permita que no futuro corra a mesma sorte que “Os Versos frolecidos en louvanza a Foz”.
Xa por último, a Asociación Cultural “A Pomba do Arco” e o Concello de Foz queren con este acto devolverlle a Manuel María parte do cariño que este autor lle ten demostrado a Foz, do que o que vimos de comentar non é máis cun pequeno exemplo, recoñecerlle o seu compromiso co noso pobo, manifestado de xeito permanente coa súa colaboración desinteresada nunha chea de actividades culturais, e contribuír a divulgar a obra e o exemplo deste grande escritor e galego.























Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



