Ribadeo, 28 de marzo 2016.- Máis de cinco mil consultas recibiron as oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais durante esta Semana Santa, segundo os datos que este luns deu a coñecer a concelleira de Turismo, Ana Martínez, que fixo un balance positivo desta tempada.
A edil nacionalista salientou que “de novo un gran número de persoas decidiron escoller Ribadeo como destino para pasar estes días de lecer, para gozar desta Semana Santa e para nós sempre é un agrado saber que o noso concello é o seu punto de elección”.
Ana Martínez subliñou que “tamén desde o Concello se fixo unha aposta importante por manter abertos os puntos de información turística durante máis horas para poder atender as demandas dos visitantes que se achegaron cara o noso concello. Así durante esta Semana Santa a oficina de turismo de Ribadeo, que xa está aberta durante todo o ano tamén ampliou o seu horario, e se abriu o punto de información turística da praia das Catedrais que estivo en funcionamento en horario de mañá e tarde desde os días 19 ao 27 de marzo cun horario máis amplo que outros anos”.
A responsable de Turismo indicou que “tamén en canto a números a oficina de turismo do núcleo urbano de Ribadeo recibiu durante a Semana Santa 1.225 visitas, o pico máis alto rexistrouse o venres, día 25. Tamén no que é o punto de información turístico da praia das Catedrais o número de visitantes foi alto, 4.031 consultas se efectuaron alí e desde logo os días de maior afluencia foron xoves e venres. Nestes dous días se superaron cada un deles as mil visitas ou consultas na propia oficina de información turística da praia”.
Martínez manifestou que “se sumamos estes datos temos que dicir que en torno a 5.250 persoas solicitaron información nas nosas instalacións de turismo, o que significa que respecto ao ano anterior se incrementou en 1.323 persoas. Tamén é certo que durante este ano quizais polo mal tempo ou porque a propia Semana Santa cadrou moi arriba no calendario ou a finais de mes, falando con hostaleiros ou comerciantes o consumo si é certo que non foi tan alto como ocorreu nos últimos anos”.
A concelleira de Turismo engadiu que “de todos os xeitos falando de ocupación hoteleira e tras unha sondaxe entre os nosos establecementos temos que dicir que nestes días de Semana Santa se roldou o 100%. De feito durante o xoves e o venres estivemos practicamente ao cen por cen e durante os outros días da Semana Santa estivemos entre o 80 e o 85%. Son datos bastante importantes de que a xente non soamente chegou a visitar a praia senón que tamén pernoctou en Ribadeo. O perfil deste viaxeiro é do Estado español concretamente das comunidades de Madrid, Cantabria e Castela-León. O turismo internacional en Semana Santa a verdade é que non é o punto máximo no que esta xente nos visita, pero si é certo que durante estes días foron 178 estranxeiros os que rexistramos entre as dúas oficinas. Por outro lado, o turismo organizado que cada vez podemos ver máis por Ribadeo, turismo de grupos que practicamente todas as semanas nos visitan e podemos ver xente polo parque ou polo cantón e nesta Semana Santa foron nove grupos diferentes os que nos visitaron”.
Ana Martínez dixo que “a xente non soamente pide información in situ senón en moitos casos xa veñen bastante informados ou con coñecemento importante de diferentes lugares de Ribadeo. Isto probablemente ven axudado pola nosa páxina web de turismo que xa hai máis de ano e medio que se presentou en Fitur en Madrid, e desde logo entendemos que é unha ferramenta moi válida para que a xente cando prepara a súa visita á praia das Catedrais poida descubrir non soamente esta praia senón tamén outros lugares como Rinlo, a zona vella de Ribadeo ou o Faro de Illa Pancha. Soamente durante o mes de marzo foron 4.248 consultas as que se recibiron nesta páxina web”.
A edil nacionalista aludiu tamén “á importancia que ten o número de consultas que se fixeron arredor dos indianos. De feito durante esta Semana Santa se presentou o cartel do Ribadeo Indiano na súa terceira edición, e moita xente se achegou a preguntar polo evento e incluso moita xente pregunta polas casas de indianos, polas rutas e por ese pasado indiano de Ribadeo. Aquí gustaríame facer un guiño, xa que o Concello xunto con ACISA estamos arrancando xa con esa terceira edición do Ribadeo Indiano. Dende aquí convidar a todo o mundo a que esa segunda fin de semana do mes de xullo, que son as datas nas que se vai celebrar, que todo o mundo prepare a súa roupa, os seus sombreiros, as súas pamelas e estean aquí para gozar con todas e todos nós do Ribadeo Indiano”.
Finalmente a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio sinalou que “Ribadeo é máis que a Semana Santa ou o verán, tamén está o Ribadeo Indiano, dentro de poucos días estará a data do Ribadeo de Tapeo, creo que debemos salientar que cada vez nos visita máis xente o resto do ano. Penso que entre todas e todos xuntos, entre a hostalería, o comercio, as veciñas e os veciños estamos a construír ese Ribadeo agradable para vivir, pero tamén para gozar e desde aquí convidar a todo o mundo a vir a gozar cada día de Ribadeo”.






















A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira Paula Vigo destacaron que esta iniciativa busca dinamizar os domingos de feira e dar visibilidade ao traballo artesán. As inscricións poden realizarse ata o 26 de abril, cubrindo o formulario dispoñible en vilalba.gal/novas e enviándoo a feiras@vilalba.es xunto coa documentación requirida. Para consultas, está dispoñible o teléfono 982 51 03 05.
A representación desenvolverase na praza do mosteiro, na igrexa e nos espazos exteriores habituais para escenas como o xuízo ante Pilatos, o horto e a crucifixión. Participarán a Garda Pretoriana de Lugo, a Percussio Praetoria e o grupo Galiclasic, nun evento recoñecido como Festa de Interese Turístico Rexional e no que colaboran arredor de cen persoas.
O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza a participar no novo Guateque de Arruguiñas, unha proposta pensada para fomentar o encontro interxeracional, a convivencia e o lecer compartido. O evento celebrarase este martes, 31 de marzo, ás 19:30 horas, na Casa do Mar de San Cibrao. A xornada incluirá actuación musical, bingo e chocolate, actividades organizadas polo alumnado de 2º de Bacharelato en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil e a Asociación de Xubilados Terramar. O Concello anima a participar e desfrutar dunha tarde especial de convivencia e diversión.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.



