Ribadeo, 13 de abril de 2016.- O Concello de Ribadeo e a asociación apícola Os Abelleiros organizan unha xornada sobre a construción e colocación de trampas para loitar contra a avespa velutina. Terá lugar na Casa da Ría, que está no monte Santa Cruz, este sábado día 16 ás catro da tarde con entrada libre e gratuíta para todos os interesados.
Esta actividade foi presentada este mércores na Casa do Concello ribadense. O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “a asociación Os Abelleiros, recentemente constituída en Ribadeo, está espertando un enorme interese e logrando un gran participación en todo o que está promovendo nestes últimos tempos. E agora vamos presentar unha nova iniciativa, que estou convencido de que vai ter moita repercusión tanto no mundo das profesionais das abellas e do mel como na poboación en xeral, porque estamos vivindo unha situación moi comprometida con esta invasión da avespa asiática, que está facendo verdadeiros estragos na poboación autóctona de abellas do noso país. A xente está moi preocupada e non é infrecuente, é xa case normal, ver esta proliferación de niños de avespas velutinas non soamente nas fragas, nos bosques, nos montes senón tamén xa moitas veces nos ámbitos urbanos. Están colonizando todo este territorio e iso vai en detrimento das nosas abellas. De aí que está asociación e o Concello queiramos facer este sábado ás catro da tarde unha xornada formativa sobre como elaborar e colocar trampas para ir poñéndolle couto a esta invasión de avespa asiática”.
O rexedor municipal engadiu que “para minimizar este impacto queremos colocar estas trampas co fin de atrapar ás raíñas, que son o xerme de todos os enxames e temos que ir localizándoas para evitar que vaian creando novos niños, sobre todo na primavera. Polo tanto queremos facer unha xornada aberta aos profesionais e aos que non o son, pero que queiran colaborar: familias, asociacións, etcétera. Durante esa xornada explicarase como construír trampas, como meterlles o líquido para atraelas e logo colocalas en puntos estratéxicos, onde se atoparon os niños na tempada pasada, onde hai abellas, onde hai regatos, … O máis importante de todo isto é que as persoas que constrúan estas trampas, coa axuda e co bo facer dos membros da asociación Os Abelleiros, poidan apadriñalas. Isto significa que se responsabilicen do seu coidado e de ir meténdolles periodicamente os atraíntes que provocan que a avespa asiática chegue a esa trampa; e logo hai que limpar e extraer as avespas asiáticas mortas. Medidas coma esta que se aplicará en Ribadeo se se van multiplicando pola comarca entre todos, pasiño a pasiño, iremos tentando controlar un pouco máis esta praga”.
O secretario da asociación Os Abelleiros, Antonio Valea, resaltou “a importancia de poñer as trampas agora, nestas datas, porque no verán cóllense moitas máis avespas velutinas, pero facelo agora é importantísimo porque se collen as raíñas, que son as que fundan as colonias e as que temos que eliminar para evitar os niños. Nesta xornada vamos explicar como se traballa con atraíntes caseiros naturais e tamén dos que hai comerciais. Ademais ensinaremos como se fan as trampas caseiras, con botellas de plástico que nos sobran. Non é só para apicultores senón para todo o mundo: os que teñen árbores froiteiras, os que están preocupados polo medio ambiente; ou sexa, para todo tipo de xente”.
O presidente de Os Abelleiros, Marcos Villamil, especificou que “esta xornada non só está encamiñada aos apicultores profesionais senón tamén á xente que acode a nosoutros porque lles comen a froita, lles matan as abellas que teñen e descoñecen a metodoloxía para atacarlle ao ciclo desta especie. Desde a nosa experiencia, o que lemos e os cursos aos que fomos vamos intentar poñer en coñecemento de todas as persoas que acudan os diferentes atraíntes que hai: con viño, con azucre, con distintos produtos alcohólicos,… E tamén dar a coñecer os atraíntes comerciais, para que saiban que os hai e despois que utilicen os que mellor lles vaian para facer o maior número de capturas, sempre salvagardando as especies autóctonas e facendo o menor dano posible ao medio natural. Nosoutros nesas trampas facemos uns furadiños na parte superior cunhas medidas específicas para que poidan saír outras especies, como moscas, mosquitos, mariposas, avelaíñas e outras especies autóctonas, para as que as velutinas tamén son as súas principais depredadoras agora mesmo. Esta especie abastécese de abellas, porque lle resulta moi cómodo estar na colmea comendo, pero cando non ten abellas tamén depreda bolboretas, saltamontes, moscas e todo tipo de especies autóctonas”.
Marcos Villamil engadiu que a deste sábado “será a segunda xornada que facemos en estreita colaboración co Concello, ao que quero agradecerlle a axuda prestada en todo momento”. Ademais anunciou que “queremos facer cursos de iniciación para a xente que se queira iniciar na apicultura e sobre a importancia da abella no medio natural; temos gañas de divulgar a entre os nenos, a través dos colexios, a importancia da abella para o medio ambiente”.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



