Lugo, 9 de maio de 2016- O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e o secretario xeral da Subdelegación, Constantino Rodríguez, recibiron esta mañá a tres novas alumnas do Máster de acceso á profesión de Avogado que completarán a súa formación con prácticas externas na Subdelegación do Goberno, por un período de 75 horas. Trátase da segunda tanda de futuros xuristas que este ano realizan as súas prácticas neste organismo (os anteriores comezaran o 11 de abril).
A realización de prácticas formativas na Subdelegación por parte de alumnos do Máster de acceso á Profesión de Avogado – que imparten conxuntamente a USC e o Colexio Provincial de Avogados- é posible a raíz do convenio asinado en maio de 2015 entre o Ministerio de Hacienda y Administracións Públicas, a USC e o Colexio de Avogados de Lugo. A finalidade do mesmo é favorecer aos alumnos a adquisición dunha experiencia práctica que facilite a súa inserción no mercado de traballo, así como promover os valores da innovación, a creatividade e o emprendemento. Entre as tarefas que van desenvolver os estudantes están o seguemento de procedementos administrativos en materias de competencia da Subdelegación, a realización de informes xurídicos e outros cometidos vencellados á súa formación académica.
O subdelegado do Goberno percibe esta colaboración como unha “experiencia enriquecedora” tanto para os estudantes, no que se refire á súa preparación como xuristas, como para os empregados públicos, que poden compartir experiencias laborais co mundo universitario.