Burela, 3 de xuño de 2016.- O CD Burela FS Pescados Rubén está a tan só un paso de repetir unha das súas grandes xestas. Este sábado, ás 18.00 horas, en Logroño arrincarán os 40 minutos que afastan a actual campioa da Supercopa de España do que pode converterse no seu segundo título de liga de Primeira División. As heroínas mariñás mediranse ao Rioja FSF (pavillón Gonzalo de Berceo), conxunto que materializou a súa permanencia en Primeira a semana pasada. O club laranxa emitirá en directo a gran cita coa colaboración de Pasion Media, na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/channel/UCRDUPhNWpd3WFlUaaMK1zLg/live.
“A semana transcorreu con normalidade absoluta, continuamos coas rutinas que tan bos resultados nos están dando, aínda que loxicamente con menos carga” explicaba o técnico burelista, Iván Cao ‘Lucas’, en vésperas do partido máis transcendental da súa traxectoria, sendo moi prudente co desenlace dos feitos: “É un rival que conseguiu o seu obxectivo na xornada pasada, a salvación, pero iso non nos debe dar confianza. É un equipo ben traballado defensivamente, moi forte en media pista, e na primeira volta xa se nos resistiu” puntualizaba o adestrador facendo referencia ao rifado 3-2 de Vista Alegre. “Todo o vestiario está con moitísimas ganas de xogar; está desexando que chegue o partido, pero tamén tratamos de fuxir do nerviosismo excesivo. Só está na nosa man; debemos ter paciencia para abrir o marcador, como o sábado pasado, non caer na ansiedade e a partir de aí todo será máis doado” explicaba Lucas.
Burela, 3 de xuño de 2016.- O Burela FS Pescados Rubén poñerá rumbo cara ao seu destino soñado este venres ao mediodía, ás 14.00 horas, concienciado de sumar a 18ª vitoria consecutiva da tempada sen depender de terceiros, aínda que a realidade apunta a que ao conxunto mariñán lle chega con cubrir expediente co mesmo resultado que o Atlético de Madrid Navalcarnero. Cun punto por debaixo das burelistas, as madrileñas recibirán á mesma hora o Ourense Envialia, que intentará defender o seu billete para a Copa de España de Alcorcón (11-12 de xuño) dende a cuarta praza, con 2 puntos por riba do UA Alicante; as levantinas visitarán o Móstoles, décimo.
Enfermería. Xunto ás baixas de Shiori, Emm e Lara, mañá será dúbida sobre a pista Ceci, que non puido xogar o sábado fronte ao Valdetires Ferrol ao sufrir unha escordadura de nocello durante o quentamento. Chega entre algodóns ademais Bea Mateos, que non adestrou esta mañá por molestias nun pé.
CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 11. Ceci, 13. Andrea C., 14. Bea Mateos, 15. Judith, 17. Maite, 25. Silvia Rubal, 31. Eva
Peque, Mellor Xogadora. A 7 burelista acaba de ser elixida Mellor Xogadora da Liga pola Asociación Nacional de Adestradores de Fútbol Sala. Peque comparte honor no cadro de premiados con lendas deste deporte como José Lucas Mena, Pato, elixido como Mellor Adestrador de Primeira División LNFS polo seu labor á fronte do Ribera Navarra, e estrelas como Ricardinho, do Movistar Inter, que foi o máis votado como Mellor Xogador da elite masculina.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
