Burela, 16 de xuño de 2016.- A Feira do Libro, as obras do POS ou a sinatura dun convenio entre Deputación de Lugo e Concello de Burela foron algúns dos asuntos que o alcalde, Alfredo Llano, abordou coa institución provincial nas últimas horas.
O rexedor relatou que “na Deputación o que fixen foi ir visitar a Área de Cultura para complementar a idea que ten o noso concelleiro de Cultura, José Díaz, para convidalos a participar na Feira do Libro deste ano, que se celebrará a finais de agosto. Gustaríanos que viñesen cun stand e aseguráronnos que si estarán en Burela participando na nosa Feira do Libro. Tamén analicei con eles a posible concesión dunha pequena axuda, cousa que xa está comprometida e entón contaremos cunha partida económica da institución provincial”.
Alfredo Llano dixo que “tamén estivemos vendo outras cousas de Cultura, que lle preocupan ao noso concelleiro. Estamos a analizar a posibilidade de sacar unha nova edición dun libro que é importante para Burela. Nesta visita confirmei o compromiso da Deputación para axudarnos neste proxecto, pero xa o comunicaremos unha vez que estea pechado e en firme”.
O alcalde burelés contou que “pasei por Presidencia para confirmar unha serie de cuestións que tamén nos preocupan no Concello de Burela como é a realización de obras do POS. Queremos saber si no vindeiro pleno se pechará esta axuda, que é tan importante para os Concellos, xa que este ano verase triplicada a concesión desa contía, segundo parece ser. Si antes se daban 12.000 euros agora todo apunta a que se concederán 36 ou 40.000 euros, que para os Concellos é moi importante”.
Llano engadiu que “tamén me preocupei pola marcha dos orzamentos da Deputación de Lugo para confirmar un convenio coa institución provincial de cara a levar adiante obras que son importantes para Burela. A parte dos asfaltados tamén queremos que ese convenio abarque temas tan importantes como os servizos sociais e educativos e incluso os culturais”.
O rexedor asegurou saír contento desta xuntanza “porque hai unha intencionalidade clara de colaboración e o único que temos que ver son os prazos para que todo isto se vaia materializando. Hai unha obra que queríamos comezar agora no verán que son as casetas do campo de fútbol. Hai que ver o compromiso da Deputación con este asunto, pero nós temos prevista unha contía importante para facer estas casetas que son moi demandadas pola afección e polos xogadores e polos clubs, para que poidan ducharse, cambiarse, e son moi importantes e complementarían o campo de fútbol de herba artificial. En canto poidamos comezaremos inmediatamente con esas obras. Agardamos que algúns destes asuntos se confirmen no vindeiro pleno da Deputación Provincial de Lugo”.