Lugo, 7 de xullo de 2016.- A delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantiveron unha reunión con representantes das asociacións de mulleres da provincia de Lugo para informar sobre as axudas destinadas ao fomento do emprendemento feminino, que contan cun investimento de 1.338.100 euros.
O obxectivo destas subvencións recentemente convocadas é crear emprego de calidade para as mulleres, apostando por impulsar novas formas de organización do traballo que axuden á conciliación da vida persoal e laboral.
Dende o goberno galego apóstase por fomentar as iniciativas empresariais promovidas por mulleres. Así a Secretaría Xeral de Igualdade conta cunha liña de actuación concreta neste ámbito, o Programa Emega, que comprende un conxunto de axudas para o fomento do emprendemento feminino no cal se levan investidos, dende o ano 2009, máis de catro millóns de euros, o que permitiu crear preto de 500 postos de traballo en Galicia.
De forma máis concreta, o programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, que persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. Deste xeito, búscase que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo a creación de novos postos de traballo.
Para lograr os seus obxectivos, o programa Emega porase en marcha a través de distintas liñas de actuación. Así, a liña “Emprende” estará destinada á posta en marcha de novas empresas; a liña “Innova” para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; “Activa”, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; a liña “ITEF”, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica).
Por outra banda, están deseñadas dúas modalidades de axudas complementarias ás liñas descritas anteriormente: A primeira, a modalidade “Concilia”, un programa de apoio á conciliación da vida laboral; e a segunda, a modalidade “Dual”, para apoiar a participación das promotoras no programa de titorización, co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro desta convocatoria.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas -cofinanciadas con Fondos FSE- as empresas ou proxectos empresariais formados por mulleres que teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia, que non pertenzan o sector público nin sexan entidades sen ánimo de lucro.
Ademais, valoraranse entre outros criterios a calidade do proxecto, a contribución á integración laboral de mulleres en paro, de mulleres con algún tipo de discapacidade, ou en risco de exclusión social.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, contando a partir da publicación desta resolución no DOG -o pasado 1 de xullo-. Dita presentación poderá realizarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.