O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente e responsable da área de Emprego, Álvaro Santos Ramos, informou este venres sobre o quinto impacto económico do Presuposto de 2016 na provincia. Trátanse de 3 millóns de euros para o DEPUEMPREGO, o Plan de Emprego da Deputación nos Concellos.
Campos Conde explicou que esta programación inclúe subvencións de entre 27.000 e 67.000 euros para os 66 municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes. A distribución destes fondos fíxose en base aos seguintes criterios obxectivos: taxa de paro, superficie, entidades de poboación e núcleos poboacionais. Son practicamente os mesmos criterios que os do POS, SAF, Plan de Aforro Enerxético ou subvencións para melloras nas sedes electrónicas.
Con estas axudas, a Deputación financiará aos Concellos os gastos de persoal e da seguridade social, derivados da contratación de novos traballadores, cos que reforzar a prestación de servizos públicos municipais aos veciños.
“Como sempre apostei, serán os propios Concellos os que decidirán, en función das súas necesidades, os perfís laborais. Deste xeito, poderán contratar dende peóns, a socorristas, administrativos, arquitectos ou enxeñeiros, entre outros moitos”, apuntou o Presidente.
Os municipios tamén se encargarán dos procesos de selección e de contratación. Con todo, a Deputación establece a obriga de facer primar na contratación a colectivos en risco de exclusión, como maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou vítimas de violencia de xénero, entre outros.
Adianto do 90%
Ao igual que se fixo coas subvencións nominativas, co Servizo a Domicilio, co Plan de Aforro Enerxético ou coas axudas para melloras nas sedes electrónicas; o Goberno da Deputación decidiu conceder estas axudas vía convenio e ofrecer aos municipios un adianto das mesmas, que neste caso será do 90%. “Isto permitirá inxectar de xeito inmediato nos Concellos 2,7 millóns de euros, así como axilizar a contratación do persoal que cada municipio necesita para a prestación diaria dos seus servizos públicos aos veciños”, salientou.
O Executivo da Deputación aprobaba este venres na xunta de goberno este investimento de 3 millóns de euros, a súa distribución en base a criterios obxectivos, ademais do modelo tipo de convenio, que, nos vindeiros días, a institución enviará aos 66 Concellos. Unha vez recibido, os Concellos terán un prazo de 15 días para definir as súas necesidades laborais e sumarse ao DEPUEMPREGO.
Aposta persoal do Presidente
O Presidente destacou que “o día da miña toma de posesión como Presidente, destaquei, entre outras cuestións, que quería reforzar as medidas de cooperación cos Concellos e as políticas de emprego na Deputación. Considero que este plan cumpre con ambas as dúas apostas. En outubro, cando no Parlamento expuxen as liñas do Orzamento da Deputación para 2016, adiantei unha partida de 6 millóns de euros para políticas activas de xeración de emprego nos Concellos da provincia.
Preto de 20 millóns de euros para emprego
Deste xeito, explicou Campos Conde, “outros 3 millóns de euros do Orzamento de 2016 serán para novos plans de traballo, que se sumarán; ademais de a este DEPUEMPREGO de 3 millóns; ao LugoWork, o plan de emprego xuvenil para o que contamos con outros 2 millóns de euros da Unión Europea. Son 8 millóns de euros, que se engaden a outras partidas de 1 millón de euros para o funcionamento do Centro de Recría e das Residencias, que xerarán máis postos de traballo na provincia. Ademais, seguimos a executar 10,5 millóns de euros do Ben Empregado, que dá traballo a 500 lucenses.
“Polo tanto, acadaremos un investimento de case 20 millóns en emprego este ano. Con estas cifras, podemos asegurar que, como en anualidades pasadas, con Gobernos progresistas nesta institución, a Deputación de Lugo segue a ser a administración galega que máis inviste en emprego na provincia de Lugo”, concluíu.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



