Vigo, 9 de setembro. “Cidadáns é o voto útil para os que non se conforman co que non funciona en Galicia e queren que mellore a calidade de vida dos galegos” afirmou a candidata de Cidadáns á Presidencia da Xunta de Galicia, Cristina Losada, ante 150 simpatizantes na pegada de carteis que a formación laranxa ha celebrado na Praia do Adro, en Bouzas (Vigo).
“Non me conformo coa elevada taxa de paro, co emprego lixo, coa falta de oportunidades, cos recortes sociais nin cunhas institucións que serviron ao partido no poder e non a todos os galegos” explicou Losada ante os asistentes antes de pedir o voto “para unha Galicia de oportunidades onde os mozos non teñan que marcharse, onde os servizos públicos estean blindados e onde os galegos podamos volver confiar nos nosos representantes”.
A candidata de Cidadáns mostrouse confiada nun bo resultado “Cidadáns estará o 26-S no Parlamento de Galicia”, e pediu confianza e ambición aos galegos para “ser decisivos e condicionar un Goberno consitucionalista que non se conforme e ao que se lle esixan reformas grazas ao control de Cidadáns.”
Pola súa banda, José Manuel Villegas, Vicesecretario Xeral de Cidadáns (C´s), remarcou a importancia das eleccións autonómicas galegas para a súa formación e lembrou que “alí onde Cidadáns foi decisivo puxéronse en marcha reformas e cambios que melloraron a vida dos cidadáns e a calidade das nosas institucións” á vez que reivindicou que “o centro político que representa C´s é o mellor espazo para alcanzar acordos sempre desde o respecto ao marco de convivencia que os españois nos demos na Constitución do 78”.
Marta Rivera, deputada galega de Cidadáns, puxo en valor o perfil de Cristina Losada como “representante do mellor da sociedade civil galega” e garantiu “o compromiso de todos os candidatos de C´s co servizo aos galegos e coa mellora das oportunidades na nosa terra”.