Nota de Prensa
O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA UNHA REFORMA FISCAL MÁIS XUSTA QUE NON CASTIGUE ÁS CLASES TRABALLADORAS
“As reformas fiscais feitas polo PSOE e o PP incrementaron as desigualdades en Galiza”
Foz, 18 de novembro de 2009.- O Grupo Municipal do BNG, a través do seu portavoz do Xan Carlos González Basanta, presentou unha moción para ser debatida e aprobada polo Pleno da Corporación sobre que a reforma fiscal levada a cabo polo Goberno do Estado se faga baixo criterios de xustiza, equidade e progresividade.
A profunda crise do modelo económico neoliberal que veu impulsando o PP e o PSOE nos últimos anos, máis alá dos aspectos relativos á crise financeira, evidencia unha crise do modelo fiscal que se veu aplicando, e mostra os límites dunha forma regresiva e pouco igualitaria de entender a política fiscal.
Así, as políticas do PSOE e do PP foron na dirección de eliminar os aspectos progresivos da fiscalidade: aumentáronse fortemente os impostos regresivos como o IVE e os impostos especiais (carburantes, alcohol e tabaco) e, pola contra, reduciuse a importancia dos impostos directos, como o IRPF, Sociedades, Patrimonio, etc. O último exemplo témolo nos Orzamentos Xerais do Estado, onde o Goberno propón incrementar o IVE normal e reducido. O BNG opúxose de xeito rotundo á subida no IVE, por se tratar dun imposto de carácter indirecto, que non ten en conta as circunstancias económicas das persoas contribuíntes e que sobre todo repercutirá nas clases medias e traballadoras. Ademais, penaliza ás rendas baixas, pois son as que destinan unha maior porcentaxe da súa renda ao consumo. Exemplos anteriores nesta mesma liña son os seguintes:
* Rebaixa continuada do tipo máximo do IRPF até situalo no actual 43%.
* Rebaixa dos gravames sobre as rendas do capital (plusvalías, dividendos e intereses). Ademais, nos últimos anos eliminouse a distinción entre as plusvalías xeradas no mesmo ano (normalmente especulativas) e as rendas xeradas en períodos máis longos.
* Creación de réximes de verdadeiro paraíso fiscal para os investimentos das grandes fortunas, como por exemplo as SICAV (Sociedades de Investimento en Capital Variábel), que teñen un tipo do 1%.
* Supresión do Imposto de Patrimonio.
* Desregulación financeira no plano internacional, que permitiu a aparición de canles cada vez máis amplas para a evasión e a fraude fiscal.
* Relaxamento da inspección tributaria, que permitiu a extensión de grandes bolsas de fraude que afectan sobre todo ás rendas do capital e ao IVE.
Estas reformas foron presentadas como unha redución de impostos para todos e todas. Na práctica, estas reducións beneficiaron maioritariamente ás persoas máis ricas. As rendas medias e baixas non viron reducidos os seus impostos, senón que incluso os viron aumentados pola vía do aumento dos impostos indirectos e o salto de tramo no IRPF polo efecto da inflación.
Polo tanto, o problema non son os supostamente altos impostos, senón como estes están distribuídos na sociedade. Practicamente todos os países da UE con maior renda per cápita que a galega e a española teñen tamén unha maior presión fiscal. Débese aspirar a ter unha presión fiscal que permita ás administracións dispor de recursos suficientes que garantan a suficiencia financeira dos concellos e que permitan impulsar políticas que favorezan a cohesión social e polo tanto, garantan uns servizos públicos de calidade: educativos, sanitarios, pensións, servizos sociais, redes viarias, transportes colectivos, de promoción cultural, etc.
Existe tamén unha correlación positiva entre presión fiscal e cohesión social. Así, os tres países europeos con maior presión fiscal son os que teñen uns maiores niveis de igualdade social. Parece que os partidos que demandan unha redución xeneralizada de impostos teñen como referente a Eslovaquia, Lituania ou Romanía, os tres países con menor presión fiscal da UE, aínda que son máis coñecidos polas súas desigualdades e o baixo nivel de desenvolvemento.
Parellamente ás modificacións fiscais regresivas dos últimos anos, en Galiza e no Estado Español incrementáronse as desigualdades, e estas están na raíz da crise actual, posto que a baixa capacidade de compra das rendas modestas constitúe un freo á expansión da demanda e o consumo. Así, a fiscalidade debe ser entendida non só con finalidade recadatoria, senón como un instrumento clave para revisar o modelo de crecemento e fomentar a cohesión e a loita contra as desigualdades sociais. Polo tanto, é o momento de acometer unha reconsideración do conxunto do sistema fiscal para darlle coherencia, reequilibrar o peso dos impostos directos e indirectos e recuperar o seu caracter progresivo, de maneira que unha ampla maioría social, nomeadamente a clase traballadora e media, sexa beneficiada de tal reforma.
Por todo iso, O BNG vai a someter á consideración do Pleno a aprobación dun acordo instando á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a retirada da proposta de incremento do IVE contemplada nos Orzamentos Xerais do Estado, e presente unha nova proposta onde non se incrementen os impostos indirectos, e se dote ao sistema tributario de maior progresividade. Polo tanto, que se acometa unha reforma fiscal baixo os principios de progresividade, equidade e xustiza tributaria, que implique unha menor presión fiscal para as rendas medias e baixas, e maior presión fiscal ás rendas máis altas, e implique tamén gravar con maior progresividade as rendas procedentes do capital e de actividades especulativas, así como a adopción de medidas efectivas contra a fraude e a evasión fiscal.




















Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
Ao longo desta semana, máis de 40 científicas, divulgadoras, xornalistas e activistas participan nunha campaña simultánea en todo o Estado para achegar á cidadanía as consecuencias que os recentes ataques a Irán poden ter na vida cotiá. No marco desta iniciativa, celebrarase en Ribadeo un acto informativo o venres 17, na Escola Municipal de Música, ás 19:00 horas. Toda a información sobre o No Normal Tour está dispoñible en:
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
O acto está organizado pola A.C. Francisco Lanza e contará coa participación de Dores Fernández Abel, en representación da entidade, xunto co autor da obra. Duarte Correa xa visitara Ribadeo no ano 2022 para ofrecer unha charla sobre a situación política internacional, centrada daquela na guerra de Ucraína. Nesta nova ocasión, o público poderá volver seguir a súa capacidade de análise e síntese, que lle permitirá ofrecer unha visión actualizada dun contexto xeopolítico en constante transformación.
A parada principal foi Cee, onde a expedición foi recibida no Museo Fernando Blanco, afondando nos vínculos históricos entre ambos municipios. Durante a visita, o director do centro destacou a “dobre conexión” entre Ortigueira e Cee, lembrando a figura de Manuel Rebollar, músico ortegán que dirixiu a Banda de Música de Cee entre 1927 e 1940. O recordo ao artista foi un dos momentos máis emotivos da xornada, ilustrando os lazos culturais que unen ás dúas localidades desde hai case un século.



