Lourenzá, 20 de setembro de 2016. A praza de Vilanova de Lourenzá acolleu a presentación do cartel e o programa de actividades para a XXVI Festa da Faba, que se celebrará desde o día 30 deste mes ata o 2 de outubro. Nesta edición haberá novidades, como as feiras de produtos ecolóxicos certificados e de automoción e vehículos agrícolas. No acto participaron a alcaldesa, Rocío López; o primeiro tenente de alcalde, Manuel Arango; o concelleiro de Festexos, Francisco Dasilva; e representantes dalgúns dos colectivos que colaboran no evento: Elena Cabaleiro, da asociación cultural Osorio Gutiérrez; a directora da feira de produtos ecolóxicos certificados do CRAEGA, More Santiago; o presidente da asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá, Javier Huertas; e o promotor das concentracións de motos Vespa e de coches clásicos, Francisco Rivas.
A rexedora municipal explicou que “os vindeiros 30 de setembro, 1 e 2 de outubro Lourenzá celebra a súa tradicional festa gastronómica de interese turístico galego: a Festa da Faba. A pintura que figura no cartel anunciador desta XXVI edición da Festa da Faba é obra do artista Xoán Guerreiro, natural do concello de Xove, e o deseño gráfico é obra do seu fillo, Mateo Guerreiro. As actividades programadas para esta Festa da Faba arrincan xa o venres día 30 de setembro ás seis e media da tarde coa inauguración dunha exposición obra deste autor titulada Aproximación á miña propia cosecha”.
Rocío López destacou que “esta XXVI edición da Festa da Faba trae consigo unhas cantas novidades con respecto a outros anos no tocante sobre todo ás actividades programadas para toda esa fin de semana. O pregón celebrarase ás 12:00 horas do sábado 1 de outubro e este ano ven da man dunha muller laurentina, Isabel Vilalba Seivane; é para nós todo un privilexio, é a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, é unha muller fortemente vinculada ao val de Lourenzá, ao sector agrícola e gandeiro e, por suposto, moi coñecedora do que é o cultivo da faba aquí, en Lourenzá. Entre outras novidades que terá esta edición da Festa da Faba contaremos coa presenza dunha exposición do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e estará situada na praza César Chavarría, abrindo paso á entrada ao claustro do mosteiro, que será o lugar onde estará o recinto feiral. Este ano buscouse que este recinto sexa un espazo vivo onde os artesáns que se dan cita estean continuamente mostrando aos visitantes os seus traballos e fagan demostracións ao longo da xornada do sábado e o domingo. Outra das novidades coas que contamos é unha feira de exposición de automoción e de vehículos agrícolas, que está organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá e estará situada no antigo Campo dos Bolos do seminario. Alí os visitantes que se acheguen esa fin de semana a Lourenzá poderán visitar unha pequena feira de maquinaria e automoción na que estarán presentes as distintas empresas da vila”.
A alcaldesa engadiu que “haberá outra vez unha concentración que xa o ano pasado contamos con ela: a Vespa Faba, con motos e coches antigos. Esta iniciativa xurdiu o ano pasado da man dun veciño de aquí, do val de Lourenzá: Fran Rivas Dasilva. Este ano repetiremos con algún que outro cambio. Temos planeado que para o sábado haxa unha exposición de motos antigas e o domingo outra de vehículos históricos. Celebrarase tamén a tradicional carreira do Val das Fabas, aínda que este ano en vez de ser o sábado terá lugar ao longo da mañá do domingo e hai programadas para esa fin de semana máis actividades deportivas diferentes. Outra das novidades principais para este ano é que contaremos cun stand dun concello invitado, que é o de Taramundi e gustaríame dar as grazas ao seu alcalde. Tentamos con isto de cara a sucesivas edicións contar cada ano cun concello invitado novo para achegar a cultura, o turismo, a tradición e a gastronomía dese municipio, neste caso do de Taramundi, a Lourenzá e aos seus visitantes”.
A rexedora comentou tamén que se celebrarán “as tradicionais degustacións, que se levarán a cabo na praza Linares Rivas e para este ano temos programado que se poñan á venda 1.200 racións de fabas de Lourenzá cociñadas ao estilo tradicional. Haberá dúas degustacións, unha o sábado e outra o domingo, a partir das 13:30 horas e o prezo da ración será de 6 euros. Este ano o viño que se poñerá á venda para acompañar procederá da adega Virxe das Viñas, da Rúa de Valdeorras, e poderase adquirir nun stand que vai xestionar directamente a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá. O venres haberá tamén programada unha cata de viños desta adega. As tradicionais casetas dos fabeiros estarán dispostas pola praza do Conde Santo e ao longo das xornadas do venres, o sábado e o domingo haberá distintas actuacións musicais. Arrincaremos o venres coa tradicional pulpada do San Marcial e a festa organizada pola asociación Conde Santo, e coa actuación do Dúo Época. Na xornada do sábado pola mañá haberá un pasarrúas a cargo da banda asturiana de gaitas La Reina del Truébanu, xa pola tardiña teremos a actuación do grupo de folk Tundal e á noite, festa do San Marcial coa orquestra Atenas. Para o domingo haberá outro pasarrúas, a cargo da charanga Compostela Band; á mediodía sesión vermú, na que estará presente a Banda Municipal de Foz; e xa pola tardiña unha xuntanza folclórica organizada pola asociación cultural Osorio Guitiérrez, de Lourenzá. Ademais os establecementos hostaleiros ofrecerán tapas elaboradas con fabas durante os días da festa”.
“Como alcaldesa de Lourenzá gustaríame invitar a todos a participar nesta cita gastronómica e a achegarse a degustar a apreciada faba de Lourenzá nesta fin de semana”, rematou Rocío López.





















A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.
“O concerto queda posposto para outro domingo no que Toxo Guayaba nos poida acompañar. Iremos informando”, explican desde a organización.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.



