A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución da convocatoria de plans de formación permanente do profesorado (PFPP) que se van implantar en centros educativos públicos durante o curso 2016/2017, segundo o cal desenvolverán iniciativas propias neste sentido un total de 27 centros da provincia de Lugo. Trátase dos centros que se incorporan este curso á iniciativa, que xa desenvolven outros 21 da provincia lucense.
A Consellería prestará o seu apoio económico e humano a estes plans de formación a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos centros de formación e recursos (CFR). O obxectivo destes tipo de formación é que cada centro desenvolva actividades centradas nas súas necesidades, ao tempo que se propicia unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. Os plans centraranse en actualizar e perfeccionar as competencias profesionais dos docentes co fin de mellorar a calidade da educación e os resultados escolares do alumnado.
Na convocatoria actual a liña de traballo prioritaria dos plans de formación é a programación, avaliación e metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novos currículos. Ademais, os plans de formación poderán tratar unha das seguintes liñas: ‘Planificación estratéxica das linguas no centro’; ‘Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais. Educación dixital’; ‘Atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados’; ‘Convivencia escolar e clima da aula. Relacións coas familias’; ‘Actualización científica e didáctica do profesorado’; ‘Mellora da xestión dos centros (con especial atención á xestión directiva) e dos procesos de calidade’; ‘Programas europeos e internacionais: accións e plans de promoción e desenvolvemento’; e ‘Biblioteca escolar, alfabetizacións múltiples e aprendizaxe por proxectos’.
Os centros que desenvolverán estas iniciativas serán o CEIP de Bretoña (A Pastoriza), CEIP O Salvador (A Pastoriza), o CEIP da Pobra de Brollón, o CEIP Virxe do Carme (Burela), o CEIP de Cervo, o CEIP Santa María do Valadouro (Ferreira do Valadouro), o CEIP de Foz nº1, o CEIP Plurilingüe de Lagostelle (Guitiriz), o CEIP de Casás (Lugo), o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), o CEIP Anexa (Lugo), o CMUS Profesional de Lugo, a EASD Ramón Falcón (Lugo), o CEIP Manuel Mallo Mallo (Lugo), o CEIP Rosalía de Castro (Lugo), o CEIP A Gándara (Monforte de Lemos), o IES Río Cabe (Monforte de Lemos), o IES A Pinguela (Monforte de Lemos), o IES de Monterroso, o CEIP do Páramo, o CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro), o CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), o CEIP Antonio Fernández López (Sarria), o CEIP Frei Luis de Granada (Sarria), o IES María Sarmiento (Viveiro), o CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), e o CEP Luís Tobío (Viveiro).