O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentaron este luns a IV edición do Campus de Emprendemento Sostible. É o plan de fomento do emprego a través do que o organismo provincial ofrece a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresarias consolidadas con visitas ás mesmas co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e, polo tanto, incrementando os seus beneficios.
A Deputada de Medio Ambiente explicou que “celebramos 3 edicións desta programación con grandes éxitos”, pois das mesmas resultaron ou melloraron 13 establecementos na provincia. De feito, no acto estiveron participantes nas anteriores convocatorias, que contaron as súas experiencias e situación laboral tras o Campus.
López Izquierdo salientou que “coñecidas as vosas vivenzas, o Presidente non dubidou nin un só intre en poñer en marcha o IV Campus de Emprendemento Sostible, ao que tamén acordou introducir cambios para ir máis alá, para facer que esta administración sexa máis útil, en definitiva, para, como sempre dice o Presidente, que a Deputación de Lugo estea coas persoas”.
A Deputación coas persoas
Neste senso, Campos Conde engadiu que “sodes a esencia deste programa. Todas e cada unha das iniciativas que poñemos en marcha dende este Goberno da Deputación son para as persoas, para mellorar a súa calidade de vida. Escoitar as vosas experiencias tras participar no Campus de Emprendemento Sostible, e comprobar que foi de utilidade, é motivo suficiente para reeditar esta programación e para ir máis alá. Non podemos conformarnos. Queremos mellorar esta programación e facer que esta administración sexa máis útil, que a Deputación estea máis preto das persoas”.
4 obradoiros con novidades
“Baixo esta premisa”, explicou o Presidente, “acordamos incluír 4 cursos nesta nova edición do Campus de Emprendemento Sostible para uns 80 emprendedores”. Cada un deles está limitado a un máximo de 22 alumnos.
“Por primeira vez, decidimos levar esta programación aos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Trátanse do IES San Rosendo, en Mondoñedo; do IES A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei; e do Centro Alta Montaña, en Becerreá.
“Estaremos nestes centros de formación profesional dende esta mesma semana e durante o mes de novembro”. Hoxe a Deputación arranca o Campus no IES San Rosendo, a vindeira semana farao no centro chairego e a seguinte no da Montaña.
“Campus de Motivación e Xeración de Idea” para estudantes de FP
O Presidente explicou que “ofreceremos a un mínimo de 60 alumnos destes centros formación e asesoramento sobre os principais elementos a ter en conta á hora de abrir unha nova empresa, fomentando o emprendemento como saída laboral. Farémolo a través de 3 cursos do Campus que chamamos Motivación e Xeración de Ideas, que, ademais da formación teórica e práctica, inclúe visitas a establecementos postos en marcha por emprendedores no rural, aproveitando os recursos naturais da provincia”.
Coñecendo experiencias
Deste xeito, os participantes coñecerán os proxectos e experiencias de Aldea Artesán da Fraga, unha casa de turismo rural que naceu en Xermade; Obradoiro de Idoia Cuesta, recoñecida artesán de cestería e textil, que xa traballa a nivel internacional; Obradoiro Xaneco, dedicado á construción de instrumentos a músicos profesionais; Vida de Aldea, unha explotación gandeira, principalmente láctea, de Outeiro de Rei, que traballa nun proxecto de impulso ao medio rural e de implicación directa do consumidor cos produtos agrogandeiros para tentar eliminar intermediarios con motivo da baixa do prezo do leite; e Volta ao Sancho, o proxecto dun empresario de barnizados que, tras á crise, se reconverteu á agricultura ecolóxica.
Maduración da Idea Empresarial, aberto ao público
O 4º curso estará aberto ao público en xeral, con prazas para 20 persoas, e terá lugar no Centro de Interpretación de Terras do Miño, durante a semana do 21 de novembro. “Chamamos a este curso do Campus Maduración da Idea Empresarial, pois está dirixido a persoas que xa teñen máis avanzada a súa idea de negocio”.
“Ofreceremos asesoramento sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental ou económica-financeira dos proxectos. Tamén se visitarán empresas consolidadas como Milhulloa, Granxa Maruxa, Parada das Bestas ou Arqueixal. Rematadas as clases teóricas e prácticas, haberá titorías individuais para un asesoramento máis personalizado co obxectivo de culminar as ideas empresariais”, apuntou o titular provincial.
O prazo de solicitude para o Campus de Maduración da Idea Empresarial estará aberto a partires deste martes. Máis información en www.deputacionlugo.gal.
13 establecementos xerados ou mellorados
Pensión Os Ancares, en Becerréa: negocio creado ao abeiro do Campus. Os xerentes decidiron, logo de recibir a formación gratuíta do organismo provincial, converter un inmoble propio nunha pensión. Dentro da oferta lúdica que complementa á estancia, sobresaen actividades relacionadas co medio natural. Entre elas, destacan xornadas de micoloxía, sendeirismo ou seminarios fotográficos.
Mel D´Abella: pequena produtora de mel que, grazas ao Campus, decidiu converter nun negocio completamente ecolóxico as colmeas que tiña para consumo propio. Deste xeito, aumentaron o número de colmeas de 10 ata 60. Cómpre subliñar que o ano pasado ampliaron o seu negocio á localidade do Cádavo. Esta emprendedora comercializa xa a súa mel en País Vasco.
Galimos: granxa artesanal de ovos ecolóxicos que recibiu asesoramento a través do Campus para resolver dúbidas de carácter administrativo e de comunicación online. Galimos ampliou o seu mercado grazas ao Campus e comercializa agora os ovos das 90 galiñas de Mos a particulares e tendas ecolóxicas da provincia.
M3 Auga: empresa creadas ao abeiro do Campus de Emprendemento. O seu percorrido no eido empresarial comezou hai 3 anos. O asesoramento gratuíto da Deputación permitiulle consolidarse e compartir experiencias con outros emprendedores.
Caserío Meiroi: un pazo reconvertido tamén en restaurante, no que a carta está marcada por produtos ecolóxicos que proveñen da súa horta e gandería propia, tras a súa participación no Campus.
Marmeladas Acea de Olga: establecemento xerado ao abeiro do Campus logo de que esta emprendedora decidise producir marmelo ecolóxico, que vende en establecementos e feiras da provincia.
Tualicate: empresa de produtos de ferretería. Grazas ao Campus ampliou o seu mercado, consolidando a venda telemática como unha das súas principais fontes de ingresos.
Casa Príncipe: explotación apícola de Cervantes. Recibiu asesoramento para transformar a súa produción en ecolóxica. Vende por toda a provincia e agarda ampliar o mercado.
Horta Sancoveiga: explotación de horta ecolóxica que se puxo en marcha grazas ao Campus de Emprendemento. A propietaria, unha administrativa sordomuda en paro, tiña unha idea de negocio pero que non era capaz de materializar. Grazas ao asesoramento da Deputación, agora Sancoveiga vende a diversos negocios da provincia.
Nenea: asociación que naceu grazas ao Campus de Emprendemento Sostible. É un bosque escola que ofrece un modelo educativo alternativo, baseado no contacto coa natureza, aproveitando os recursos de cercanía: explotacións gandeiras, hortas…
Esmorga eventos: empresa de eventos que xurdiu hai máis de ano e medio logo de recibir o asesoramento gratuíto da Deputación.
Explotación Adela: explotación de gando que está no proceso de reconverterse a ecolóxica e tamén traballar agora na produción hortícola tras o seu paso polo Campus.
PK3: Consultoría de Ingenieria Civil creada ao abeiro do Campus con máis de 3 anos de actividade.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



