O Observatorio da Mariña pola Igualdade, coa colaboración da UNED e Radio Foz, organizan a proxección e posterior debate sobre “Mustang” no VIII VÍDEO FÓRUM MULLERES NO MUNDO o xoves 3 de novembro, ás 19.00 horas no Salón de Actos da UNED en Foz.
FICHA TÉCNICA
Título: MUSTANG
Coprodución: Türkiye-France- Deutschland 2015, 97 min.
Dirección: Deniz Gamze Ergüven
Guión: Deniz Gamze Ergüven e Alice Winocour
Fotografía: David Chizallet e Ersin Gok
Música: Warren Ellis
Elenco: Günes Sensoy, Doga Zeynep Doguslu, Tugba Sunguroglu, Elit Iscan, Ilayda Akdogan, Nihal G. Koldas, Ayberk Pekcan, Erol Afsin
Xénero: Drama Adolescencia Tradicións
CRÍTICA por Andrés Castro:
“Aspirar á liberdade”, así define a directora turca Deniz Gamze Ergüven a súa primeira longametraxe. Unha historia escrita a catro mans xunto coa tamén directora e guionista Alice Winocour. Un guión ao que Ergüven aporta detalles autobiográficos da súa propia infancia para describir o que significa ser muller en Turquía. Remata o curso escolar nunha pequena vila turca. Cinco irmás adolescentes festexan alegres e despreocupadas o comezo das vacacións de verán á beira do Mar Negro xunto cos seus compañeiros de escola. A auga e a area mestúranse con divertidos xogos que son mal vistos por unha veciñanza de mirada sucia ancorada en arcaicas tradicións machistas. Tras unha disputa familiar quedan pechadas na súa propia casa para seren instruídas como futuras esposas exemplares afastadas de todo estímulo que invite á perversión para que non sucumban aos praceres da carne e así manter intacta a súa honra até o día da voda. Casamentos concertados, claro. O título vén a conto do nome que se lles dá aos cabalos salvaxes do norte de América: as irmás son “tratadas” coma gando cabalar aos futuros maridos, mais elas son espíritos salvaxes, ao igual que os “mustang”, e non se van deixar domar tan facilmente nin sucumbirán, sen loita previa, a un destino imposto contra a súa vontade.
A historia está narrada con voz en off a través do punto de vista da máis pequena. Isto dálle un cariz máis inocente, mais tamén máis inconformista e insubmiso debido ao marcado carácter rebelde da cativa. Acertado elenco, sobre todo no quinteto de actrices principais. Transmiten unha enorme vitalidade, afouteza, beleza indómita e extrema madurez a pesar da súa tenra xuventude. Ao principio da fita todo está inundado por unha ampla luminosidade, pero progresivamente vai mudando en escuridade a medida que avanza a historia e se vai impoñendo o pesimismo. Bo ritmo e un guión con pingas de humor que farán máis dixeríbel este drama con certas reminiscencias ao filme de Sofia Coppola As virxes suicidas. Un extraordinario debut no que a cineasta busca denunciar a rixidez da sociedade do seu país. Unha sociedade reprimida e hipócrita inimiga do pluralismo e da diversidade que se escuda no mantemento da cultura ancestral para seguir impoñendo un tipo de comportamento desfasado que atenta contra a liberdade do individuo e, máis concretamente, contra a liberdade da muller. Á parte dos nomeamentos aos Globos de Ouro e aos Óscar na categoría de Mellor Filme Estranxeiro Mustang acumula, entre outros, a Espiga de Prata na Seminci, Goya o Mellor Filme Europeo, Mellor Ópera Prima nos Premios do Cinema Europeo, así coma un meritorio 8,41 de nota media no Cineuropa Compostela que avalan, sen dúbida, un dos mellores filmes do ano 2015.
PREMIOS
2015: Premios Oscar: candidatura ó Mellor Filme de fala non inglesa.
2015: Globos de Ouro: candidatura ó Mellor filme de fala non inglesa.
2015: 4 Premios César: Mellor ópera prima, guión, montaxe e bso. 9 nom.
2015: Premios do Cinema Europeo: Premio Discovery (mellor ópera prima)
2015: Premios Goya: Mellor Filme Europeo.
2015: Premios Independent Spirit: Candidata ó Mellor Filme Estranxeiro.
2015: National Board of Review (NBR): Premio á liberdade de expresión.
2015: Satellite Awards: Candidata o Mellor Filme de fala non inglesa.
2015: Critics Choice Awards: Candidata o Mellor filme de fala non inglesa.
2015: Festival de Valladolid – Seminci: 6 premios, mais Espiga de Prata
2015: Festival de Sevilla: Premio do Público.
2015: Festival de Sarajevo: Mellor Filme.




















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



