Burela, 8 de novembro de 2016. O Programa de Inmigrantes do Concello burelés vai organizar un cursiño formativo para axudar a alcanzar un bo grado de integración aos inmigrantes residentes en Burela. Esta acción está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.
A concelleira de Inmigración e Cooperación, Angélica Gómez, explica que “o curso é de informática e está dirixido a aquelas persoas estranxeiras que queiran aprender nocións básicas do uso das novas tecnoloxías, ensinarlles novos procedementos como o manexo de internet, creación e uso de correo electrónico, coñecemento de redes sociais…”.
O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido dende o 14 ata o 25 de novembro no Concello de Burela. As persoas interesadas en asistir poden solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando aos seguintes números de teléfono: 982 58 60 00 ou 982 58 06 09.