O Balonmán Galipizza Viveiro tróuxose os dous puntos da pista do Chapela (26-35), en partido pertencente á segunda xornada de Liga na Segunda Autonómica. Deste xeito, os de Viveiro continúan coa súa boa xeira de resultados neste inicio de campaña.
Os pupilos de Javi Villares entraron moi concentrados no partido e xa practicamente o sentenciaron nos primeiros 20 minutos, nos que realizaron un notable traballo en defensa que permitiu moitos contragolpes e rápidas transicións que remataba en opcións de lanzamento moi claras. Deste xeito, os visitantes conseguiron en moi pouco unha renda de oito goles coa que chegarían ao descanso: 12-20.
No segundo tempo, os da Mariña dedicáronse a administrar a súa vantaxe e en ningún momento o conxunto local foi capaz de ofrecer unha reacción que lle dese un pouco de picante ao encontro. Mentres tanto, no Galipizza repartíanse minutos de calidade entre todos os membros da expedición. Destacar o feito de que, salvo os porteiros Emilio e Peña, todos os xogadores marcaron no encontro do pasado sábado, o que amosa o bo traballo feito polo equipo en Chapela.
Os viveirenses comezarán a preparar esta tarde o encontro do vindeiro sábado, no que recibirán no Municipal de Viveiro a visita do Ferrolterra (18 horas), un conxunto que xa derrotaron na Copa Federación: 32-26.
BALONMÁN CHAPELA TALLERES PONTESECA (25): Aarón; Carlos (6), Xoel (1), Fernando (3), Pedro, David, Castellano (9), Erick, Ramón (2), Jacinto (5), Iago, Luis e Alexandre.
Exclusións: Castellano e Erick (2).
BALONMÁN GALIPIZZA VIVEIRO (35): Emilio e Peña; Jose Labaén (5), Carlos (1), Javi Villares (8), Bruno (1), Villares (5), Fede (1), Turbo (2), Andrés (1), David (2), Jacobo Permuy (2), Sanjurjo (3) e Aitor (4).
Exclusións: Turbo (2).
Árbitros: Ángel Villar e Silvia Vázquez.
Incidencias: Algo máis de medio cento de espectadores no Municipal de Chapela.