Burela, 17 de novembro de 2016. O obxectivo do equipo de goberno pasa por deixar a cero a débeda do Concello burelés ao remate do mandato, segundo declarou este xoves o alcalde, Alfredo Llano. Por este motivo se reducirá a derivada da excisión de Cervo e Burela e tamén se amortizará unha parte do préstamo contraído para facer fronte ao pago a provedores. Estes asuntos debateranse xunto a outros no pleno ordinario do 24 de novembro.
O rexedor explicou que “o Concello de Burela ten adquirido unha serie de compromisos con diferentes entidades bancarias para pagar varias actuacións. Hai unha delas que ven derivada da escisión de Cervo e Burela, que é un acordo coa Comunidade Autónoma. Esa é unha débeda que agora mesmo está nos 715.000 euros e que realmente non paga intereses, polo tanto é unha débeda que imos mermar moito para o ano que ven”.
Alfredo Llano indicou que “hai outras como o chamado plan de amortización parcial do préstamo do plan de pago a provedores, que agora mesmo está cunha contía de débeda duns 900.000 euros e este ano imos amortizar xa 350.000 euros. Iso significa que imos rebaixar moito a contía deste préstamo e pensamos que para o ano que ven, tal vez nos primeiros meses do ano, amorticemos o que resta. Se agora vai quedar en 550.000 euros aproximadamente para o ano que ven xa nos primeiros meses do ano é a nosa intención amortizalo completamente. Pensamos que iso beneficia porque todas as transferencias de capital que había que facer para isto pasan a destinarse a investimentos reais”.
O alcalde burelés manifestou que “tamén imos rematar para o ano que ven outro que se ten con diferentes entidades bancarias, que tamén procede da escisión de Cervo e Burela, para financiar diferentes obras que se foron facendo a cargo do Concello de Burela a raíz da escisión. Agora vai estar a final de ano nuns 130.000 euros que se van rematar de pagar antes de xuño do ano que ven. O noso obxectivo é deixar a débeda a cero unha vez rematada a lexislatura e penso que é interesante que os veciños de Burela saiban isto porque dese xeito imos ter máis cartos para aproveitalos en proxectos, servizos e actividades que pode ser boas para os nosos veciños. Pensando nesas posibilidades iso nos anima a ir amortizando todos estes préstamos e hai que ter en conta que agora mesmo o Concello de Burela ten a vantaxe de ter uns remanentes que nos permiten facer este tipo de operacións”.
No pleno ordinario da vindeira semana tamén se abordarán outras cuestións. Alfredo Llano comentou que “tamén se abordará o relativo ao servizo que desde Burela estamos aportando para toda a comarca da Mariña que é o de atención temperá. Xa están adheridos moitos Concellos da Mancomunidade, pero aínda faltaba algún, polo tanto van adherirse agora neste pleno os de Mondoñedo, Riotorto e Foz para formar parte deste servizo que é moi importante para a nosa comarca. É moi demandado e está facendo un servizo que consideramos é compartido por todos os Concellos así que o que temos que tratar é de potencialo, así é como o entenden o resto dos Concellos e así se está a facer”.
O rexedor seguiu a relatar que “imos tratar a modificación dos estatutos da Mancomunidade no tocante a admitir a Viveiro neste ente. Xa levamos meses traballando nesta modificación dos estatutos. Como todos os concellos teñen que subscribir este acordo de cambio de estatutos para admitir a Viveiro canto antes se faga mellor. Nosoutros imos facelo este 24 e imos tratar de que os outros o fagan o antes posible e incorporar a Viveiro a partir do 1 de xaneiro”.
Alfredo Llano engadiu que “temos que facer unha modificación das partidas orzamentarias agora cara ao final. Estase pensando en facer moita obra e houbo algunha derivada das incidencias do tempo como nas inundacións das choivas do mes pasado en Burela. Houbo que facer unha serie de obras que non estaban planificadas como investimento e polo tanto hai que facer unha modificación dalgunha partida para facernos cargo desas obras. Tamén hai algunha modificación relativa ao proxecto dos vestiarios do campo de fútbol. Estaban sen incorporar a electricidade, a caseta dos árbitros, etc… e o proxecto completo sufriu unha modificación na cantidade. Hai outras obras que son moi interesantes para Burela e que tamén temos que sacalo a través dunha modificación orzamentaria”.
O alcalde engadiu que “esta é unha práctica normal nos concellos, facer modificacións dalgunha partida que está en defecto e pasalas doutras que están en exceso. É unha cuestión ordinaria que ven motivada pola cantidade de obras que estamos a facer e que debemos darlle saída económica a todas elas”.






















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.



