Ribadeo, 18 de novembro de 2016. Satisfacción nos Concellos de Ribadeo, Burela e Cedeira, que veñen de obter unha subvención do Galp A Mariña-Ortegal para a posta en marcha do proxecto Entre Arcos e Cantís.
O proxecto Entre Arcos e Cantís presentado en conxunto polos Concellos de Ribadeo, Burela e Cedeira ao Grupo de Acción Local do sector pesqueiro A Mariña-Ortegal, vén de obter unha subvención por un importe de 118.991 euros o que representa case o 80% do orzamento solicitado (149.808 euros).
Os Concellos conscientes da importancia do traballo en rede e da necesidade de establecer estratexias conxuntas presentaron este proxecto que emprega como fío condutor a riqueza xeoturística e patrimonial, presente nestes tres Concellos costeiros e que persegue conciliar a conservación e preservación do patrimonio natural fomentando o ecoturismo e a dinamización económica local.
Todas as medidas e accións que se inclúen no proxecto están orientadas a aproveitar as sinerxias da riqueza do patrimonio xeolóxico e paisaxístico presentes nos Concellos de Burela, Cedeira e Ribadeo cara á creación dunha estratexia de turismo sostible e unha imaxe de marca do territorio da Mariña-Ortegal. Este territorio conta cunha riqueza xeolóxica salientable e excepcional; en Ribadeo destaca a presenza do maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica, así como a superficie achairada rasa cantábrica os pregues tombados da zona de Piñeira ou os Ollos de Rinlo; no caso de Burela a agrupación de pregues mellor conservados e con maior interese científico e didáctico do territorio nacional e a ampla variedade de rochas (ígneas, metamórficas e sedimentarias) que fan deste Concello un referente xeolóxico tanto a nivel nacional como internacional. E Cedeira conta coa presenza, na Serra da Capelada, de materiais pouco habituais na superficie do noso planeta que permiten coñecer e saber como é o seu interior, ademais de atoparse elementos destacables como os cantís máis altos da Europa Continental ou a única praia con area negra non volcánica de toda a terra.
“Sen dubida algunha se trata duns recursos excepcionais capaces de crear novas alternativas sostibles no noso territorio e que compre se traballen conxuntamente baixo unha estratexia común”, sinalan desde a Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo.
O proxecto contén a posta en marcha de toda unha serie de actividades entre as que destacan o inventario do patrimonio natural e guía xeolóxica da zona, a creación dunha plataforma web que porá en valor tanto a xeodiversidade como outros recursos patrimoniais, alternativas de aloxamento, ocio ou restauración.
Tamén forman parte das actividades a realizar a creación de itinerarios xeolóxicos interpretados, as xeorutas, que son a primeira actividade xa posta en marcha en Cedeira e Burela este pasado verán, mentres que en Ribadeo xa levan tempo executándose. Así mesmo tamén contempla a creación dunha aplicación móbil que incluirá os itinerarios xeolóxicos ou o establecemento de programas de formación e educación medioambiental dirixidos aos centros educativos.
“O obxectivo principal do proxecto é potenciar o ecoturismo mediante os valores turísticos asociados á paisaxe litoral e ao seu valor ecolóxico e patrimonial, capaz de crear novas alternativas económicas locais conciliando o desenvolvemento sostible do territorio. En todos os Concellos se establecerán actuacións paralelas que incorporen elementos de reforzo para a conservación e protección do espazo xa que todas as actividades a realizar son compatibles coa protección e conservación do medio”, engaden.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



