O venres 25 de novembro ás 20.30 horas a Casa da Xuventude de Mondoñedo vai acoller un acto presentado por Cidre Fernández e no que Xosé Ramón Ermida, autor do libro “Mortos por amor á terra”, e o investigador Eliseo Fernández lembrarán e homenaxearan a aqueles veciños de Mondoñedo que sufriron a represión franquista e que mesmo chegaron a ser asasinados. A palestra que se celebra baixo o titulo de “Mortos por amor á terra. A represión franquista en Mondoñedo”, servirá tamén de presentación do libro de Ramón Ermida “Mortos por amor á terra”, servindo de foto anunciadora do acto unha de xuño de 1936 dun enterro laico na localidade presidido entre outros polo destacado dirixente socialista e famoso guerrilleiro Luís Trigo Chao “O Gardarríos”.
Ermida indicou que “a represión política que se vai vivir en Mondoñedo a partir de 1936 é tamén resultado da viveza da sociedade mindoniense no período republicano. Un Mondoñedo que contaba con agrupacións políticas como o PSOE, Izquierda Republicana, Partido Galeguista, Partido Sindicalista e mesmo coa Unión Socialista Galega. Un Mondoñedo cunha importante presenza sindical, na que destacaba a CNT e a UXT que organizaban importantes mobilizacións no primeiro de maio, pero tamén un Mondoñedo vivo culturalmente, como testemuña o xornal nacionalista “Galiza, impulsado por Álvaro Cunqueiro, a oficina poética do Noroeste Galego, ou a celebración dos Maios. O Franquismo sen dúbida algunha representou un punto e aparte na historia de Mondoñedo”.
“A proba do nove da dureza da represión franquista son os 8 mindonienses asasinados a consecuencia da súa militancia democrática” afirma Ermida que tamén lembrou que 29 veciños da localidade sufriron algún tipo de represión pola súas ideas políticas. Os asasinados, pola súa orde de execución, foron Xesús Verdeal Maseda, dirixente da CNT no Barqueiro e fusilado en Ferrol o 16 de Abril de 1937, Siervo González Rivas, funcionario municipal, candidato a cortes pola Unión Socialista Galega e secretario Local da CNT, Graciano Paz Amieiro, follalateiro e dirixente da Unión Socialista Galega e Manuel Rodríguez Núñez, comerciante e militante da CNT, serán paseados na madrugada do 11 de Xaneiro de 1938 na Travesía dos Remedios por un piquete de gardas civís e milicianos falanxistas comandado pola brigada da Garda Civil Galende. O labrego do bairro de San Lázaro Pedro Marful Fernández, condenado a cadea perpetua, finara no seu cativerio no Campo de Concentración da Illa de San Simón o 10 de Xuño de 1941. A consecuencia da represión franquista vai perder a vida en León Xosé Otero García o 12 de Maio de 1942. Outras dúas persoas ligadas a Mondoñedo, como Luís Trigo Chao “O Gardarríos” e Xosé Porto Lestegas “O Herbellás”, rematarán sumándose á guerrilla, perdendo a vida o primeiro o 25 de Xuño de 1948 en Lourenzá e o segundo, o 2 de Outubro de 1947 nos Montes de Silán en Muras.
A nómina da represión franquista en Mondoñedo, abrangue a práctica totalidade das tipoloxías represivas, isto é a cadea, a depuración ou as sanción administrativas, o conxunto das opcións políticas democráticas e destacan aquelas persoas que ocuparon cargos de representación institucional, partidaria ou sindical. Os nomes deste martiroloxio confórmano Alfredo Martínez Martínez, Xermán Fanego Salaverri, Guillerme Otero Villalba, Xosé Sánchez Gacio, Constantino Sánchez Gacio, Xosé Ramón Villamarín Pallín, Emilio González Valoría, Patricio Vijande Villar, Gráciano Leivas Freire, X.A. Loureiro Fiallega, E. Redondas Camarista,Henrique Fernández Trashorras.X.A Morales Gruñeiro, Antonio Rodríguez García, Adolfo Rivas Pérez,Félix Rivas Pérez Xaime Polo Barrio, C. Carreiras Domenech, Benito Expósito García, Xosé María Alonso,Xoaquín Ares Díaz,Xosé María Méndez Rodríguez ,Víctor Otero Otero,Dodolino Trigo Barro e Xosé Sasonte Mourelle.
A cidade de Mondoñedo vai ser testemuña do asasinato de varios veciños da Comarca, como resultado neste caso da acción dos grupos paramilitares entre os que debemos sinalar o coñecido como o “coche do cangrexo” ou “coche do centolo”, formado maiormente por falanxistas de Ribadeo e de Viveiro. O 12 de setembro de 1936 serán asinados no Prado dos Remedios de Mondoñedo os veciños de Ribadeo Bruno Martínez “O Barquillero”, Antonio María Martínez López, Henrique Navarret e o Presidente da CNT de Viveiro, André Vale “O moreno de Cobas”. O 15 de Setembro aparece no mesmo lugar o cadáver do socialista de Ribadeo Florencio Carballo e cinco días máis tarde aparecerá en Argomoso o corpo do veciño de Obe Xosé Antonio Díaz. O 7 de Outubro será asasinado nesa cidade o tamén Ribadense Xesús Longarela e o 12 e executado nun traslado de Mondoñedo a Lugo o veciño do Marco de Alvare, Concello de Pastoriza, Benito Folgueira.
Xa por último Ermida sinalou que “agardamos que o acto axude a clarificar determinados aspectos da lóxica represiva en Mondoñedo. Neste sentido imos achegar documentación até agora non divulgada sobre dos asasinatos de Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez Núñez que contribuirán a explicar as diversas variábeis que confluíron no seu tráxico final. Asemade daremos a coñecer información inédita sobre o tristemente celebre “Coche do Cangrexo”, paramilitares fascistas responsábeis dalgúns dos asasinatos na localidade e no conxunto da comarca da Mariña. Outra das cuestións nas que nos deteremos será no xeito que afronta Álvaro Cunqueiro, un dos máis destacados dirixentes do Partido Galeguista na localidade, os primeiros días do Golpe de Estado, nos que a súa casa é rexistrada polos falanxistas e nos que se ve obrigado a poñerse a resgardo para fuxir da represión. Na mesma liña esperamos que a participación veciñal permita tamén dar luz sobre moitos aspectos do Mondoñedo republicano e antifascista que a día de hoxe seguen ocultos e con risco de desaparición, agás que aquelas persoas coñecedoras do tema acheguen a información”.



















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



