Madrid, 23 de decembro. O Ministerio de Fomento vén de respostar ao deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, que aínda “está a ultimar a formalización do Convenio co Ministerio de Economía para o financiamento con fondos Feder do procedemento de compra pública Precomercial para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativa a sistemas de protección antinéboa na A-8, entre Mondoñedo e A Xesta”.
Explica nunha resposta por escrito aos parlamentares de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello e Alexandra Fernández, que “unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederáse á contratación comercial do sistema de protección antinéboa, para dotar á infraestrutura da solución definitiva á problemática existente”.
Retrasos e parsimonia:
Para o deputado de En Marea por Lugo, fica claro o retraso co que o Ministerio está a traballar, “a pesar dos múltiples anuncios”, nun problema que “arrastramos desde que se inaugurou a autovía no ano 2014. Un vial prácticamente novo que a cada pouco está pechado debido ás intensas néboas no traxecto que vai de Abadín a Mondoñedo”. En Marea dirixiuse a Fomento xa no pasado mes de agosto por ser o verán o periodo no que con máis frecuencia aparecen os bancos de néboa. “Construise unha autovía cara como alternativa á deteriorada e limitada N-634, máis resulta inútil porque os peches son constantes e o tráfico desvíase pola vella N-634. É dicer, os habitantes da Mariña están como estaban, con infraestruturas viarias deficientes”.
Lembra Miguel Anxo Fernán Vello que no pasado mes de abril, o Ministerio anunciaba que en poucos días procedería a clausurar a fase de consulta de mercado para buscar unha solución. Incluso calculou que a licitación dos denominados prototipos levaríase a cabo ao longo do presente ano 2016.
Máis, como queda reflexado nesta resposta por escrito, o Ministerio aínda non licitou os prototipos de tecnoloxía. Polo de agora, únicamente puxo en marcha un sistema operado por Tráfico para axilizar a apertura e peche da A-8 no tramo de O Fiouco en momentos de néboa. Un sistema automatizado e controlado desde A Coruña, e que tan so sirve para pechar antes a autovía pero non é unha solución para o tránsito.
Razón pola que o parlamentar de En Marea insta ao Ministerio “a non deixar que pase outro inverno e cheguemos á primavera de 2017 sen as necesarias solucións. Non podemos continuar cunha autovía inservíbel”.