Cervo, 30 de decembro 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Dolores García, mantiveron un encontro cos representantes dos colexios de Cervo e San Ciprián, do IES Marqués de Sargadelos e membros das ANPAS de ditos centros. Na xuntanza entregáronlles axudas por un importe total de 7.500 euros para gastos de funcionamento.
Alfonso Villares, anunciou “no Concello de Cervo xuntámonos tanto a delegada municipal de Cultura como eu mesmo cos distintos representantes dos dous colexios de Cervo, o Cervo nº 1, que está en San Ciprián, máis o Cervo, que está na capitalidade do concello, e tamén con representantes do IES Marqués de Sargadelos, que está situado en San Ciprián. Ao mesmo tempo de reunirnos cos responsables destes centros tamén nos xuntamos cos representantes das ANPAS de ditos centros”.
O rexedor cervense explicou que “o motivo foi para trasladarlles as axudas que desde este Concello levamos anos concedendo tanto para as entidades educativas como tamén para as asociacións de pais e de nais. Son unhas axudas de 1.250 euros para cada un deles e en total foron 7.500 euros que o Concello lles traslada para os distintos gastos de funcionamento que teñen esas entidades”.
O alcalde de Cervo lembrou que “estas axudas non se quedan aí, porque son moitas as actuacións que estamos a facer desde o Concello de Cervo nos distintos centros educativos: traballos de mantemento e tamén algunhas obras maiores que reverten no beneficio da comunidade educativa e nunhas mellores instalacións para que os profesores poidan educar en óptimas condicións”.
Villares subliñou que “tanto no colexio de Cervo como no de San Ciprián o Concello está a destinar un conserxe a cada un destes centros para axudar a levar adiante os distintos traballos do día a día para o mantemento de ditos centros”.
O rexedor municipal asegurou que “é unha aposta pola educación que desde o Concello de Cervo levamos tendo durante estes últimos anos e que seguiremos facendo, porque, sen dúbida ningunha, nós consideramos que estamos a falar dun dos piares básicos de calquera sociedade, neste caso da cervense, e desde o Concello, como a administración máis preto de todos nós, non imos en ningún momento descoidar todo o que necesiten estes centros educativos e tamén tanto o persoal docente como os pais e nais dos alumnos que estudan neles”.