Burela, 30 de decembro de 2016. No Concello celebrouse hoxe un pleno extraordinario no que se aprobaron os orzamentos para o 2017. O alcalde, Alfredo Llano, salientou que aumentan as partidas de investimentos reais en máis dun 50% e asuntos sociais en case un 10%. Estes presupostos ascenden a 7.060.000 euros e saíron adiante cos votos favorables do equipo de goberno.
O rexedor dixo que “este orzamento supón un incremento do 3´1% con respecto ao do ano 2016. Consideramos que son uns orzamentos que agora mesmo melloran moito a situación do noso concello, que están para beneficiar ao conxunto dos veciños de Burela, e que é un bo orzamento dado que trata de responder ás necesidades e aos problemas que pode ter o noso concello durante o ano 2017”.
Alfredo Llano asegurou que “vai ser beneficioso en investimentos reais que soben máis dun 50% con respecto ao ano 2016, situámonos nuns 420.000 euros, o cal significa que derivado destes investimentos reais favoreceremos o emprego, que as empresas se movan e que ao pobo se lle note moito esta circunstancia para mellorar en diferentes ámbitos de forma global para todos os veciños”.
O alcalde burelés relatou que “hai unha cousa que quero destacar ademais dos investimentos, os asuntos sociais onde imos mellorar moito a partida. Sobe case un 10% con respecto ao ano pasado, e iso vai repercutir nunha mellora substancial na axuda no fogar, en teleasistencia, en necesidades urxentes que puideran suceder a algunha familia derivada de falta de pago, necesidade dunha vivenda, etc…”.
Llano subliñou que “por un lado investimos e por outro atendemos ás necesidades máis urxentes da poboación. Pero de todos os xeitos no ámbito do turismo, da cultura, do medio ambiente, do deporte, do mobiliario urbano, do aforro enerxético, todo aquilo que poidamos mellorar aí está presente nos orzamentos”. E engadiu que “tamén vai haber moita subvención e vaise prestar atención aos colectivos, ás asociacións, etc…, sempre pensando na colaboración que estas entidades poden ter co Concello de Burela”.
O rexedor pensa que “este orzamento significa moito para o pobo de Burela, sen embargo tanto o PP como o Bloque, sen argumentar unha cuestión que realmente poderamos ter en conta contra os orzamentos, votaron que non. Saíron para adiante cos votos afirmativos do equipo de goberno. Xa llo dixen no pleno que me parecía un erro moi grande que estes orzamentos que son moi mellorados do exercicio anterior, que van pensados única e exclusivamente para o beneficio do conxunto da poboación de Burela, non foran aprobados por unanimidade. E digo isto porque penso que é unha cousa seria, estes orzamentos nos que está todo traballado e pensado para que todo o mundo se sinta representado”.
Alfredo Llano considerou que “se está traballando ben en todos os aspectos, incluso no do persoal do Concello. Trataremos de seguir empregando o maior número de persoas, hai como mínimo 8 postos de traballo que temos pendentes para poñer aquí no noso concello”.