A Mariña, 10 de marzo de 2017. A Mancomunidade de Municipios de A Mariña mantivo hoxe un encontro coa nova directiva da Federación de Comercio da Mariña. Acordaron traballar conxuntamente na promoción da comarca para atraer visitantes durante todo o ano e estudan a celebración dunha feira de turismo a comezos do vindeiro ano. No encontro mantido este mediodía en Burela tamén falaron de reclamar diante das institucións a sinalización da comarca na A-8.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, indicou que “o encontro hoxe foi orientado a compartir responsabilidades e colaborar entre a Mancomunidade dos Municipios da Mariña coa FCAM co fin de mellorar aquilo que sexa atractivo para o turismo na zona. Estamos todos de acordo en ofrecer a comarca como xeodestino, como A Mariña, como un grupo compacto de concellos que realmente teñen moito en común e moito por separado, pero no seu conxunto son un atractivo extraordinario para o turismo. Polo tanto imos tratar sempre A Mariña como un xeodestino único”.
Llano contou que “tamén vimos que sería moi interesante ofrecer o plano turístico durante todo o ano, non soamente o que corresponde ao mes de xullo e agosto, que iso xa está máis ou menos asegurado, senón buscar a maneira de que durante todo o ano poidamos ter aquí xente. Imos ver as axudas que pode ofrecer a Mancomunidade neste tema, e procurar organizar eventos de xeito que sexa fluído o turismo durante todo o ano. Un turismo sen que sexa masificado, máis ben familiar e que todo o mundo poida integrarse en cada un dos pobos onde estean de visita e se sintan un máis”.
O presidente da Mancomunidade anunciou que “queremos facer un evento na Mariña onde se poidan explicar claramente os atractivos turísticos que temos, tanto os areais como a gastronomía, a cultura, a etnografía, o deporte, para ofrecer cara ao exterior un evento que imos concretar para poder realizalo posiblemente en xaneiro ou febreiro do ano 2018. Queremos facer unha feira exposición durante tres días de todo aquilo que poidamos ofrecer como destino turístico, para que todos os sectores se sintan reflectidos e desde logo moi aberto para que calquera persoa poida achegarse por aquí. Imos ter unha reunión o mes que ven e imos continuar durante todo o ano para fortalecer esta idea e que xa sexa unha realidade para o próximo mes de xaneiro ou febreiro”.
Alfredo Llano dixo que “tamén estivemos falando das infraestruturas porque de pouco serve traer turistas se non teñen boas estradas para comunicarse. Estivemos falando da sinalización dos diferentes concellos que conformamos a comarca da Mariña, por exemplo na autovía. Segundo hai outros lugares onde aparecen carteis indicativos de todos os concellos que conforman unha comarca, non nos explicamos porqué non aquí. Imos traballar conxuntamente dende a Mancomunidade e a FCAM para reclamar onde corresponda esta sinalización na A -8 e no resto das estradas. Tamén imos procurar para o ano que ven, sinalizar a comarca en tres idiomas co noso slogan, cando se entra desde Asturias, desde Lugo ou A Coruña sería interesante poñer carteis que especifiquen a comarca onde se está e en cada concello unha sinalización propia coas zonas máis atractivas”.
Llano considera que “a reunión foi moi interesante e pensando na importancia extraordinaria que ten a nosa comarca da Mariña nos aspectos económico, social, cultural, económico e de turismo. Penso que hoxe en día somos a comarca máis punteira na provincia de Lugo. Somos 80.000 habitantes e unha potencia económica e social, polo tanto hai que darlle a importancia que lle corresponde. Non podemos ter unhas malas infraestruturas. Non podemos contentarnos con oito quilómetros que acaban de inaugurar dunha vía de alta capacidade, como se xa estivera todo feito. Non podemos contentarnos co tren e hai que seguir sempre mellorando. A Mariña así o reclama e así o merece. Hai que procurar ter uns servizos acorde coas necesidades que hoxe temos”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña asegurou que “imos ir reclamar aquilo que consideremos que é bo para A Mariña, xa sexan infraestruturas ou servizos. Imos traballar man a man con aquelas organizacións que traten de mellorar o que poidamos facer no plano turístico. Imos estar con eles desde a Mancomunidade en todo aquilo que represente tirar no progreso e ofrecer bo futuro a aquelas persoas que estean vivindo aquí na Mariña. Vemos que noutras zonas estase traballando no seu desenvolvemento e A Mariña non pode ser menos”.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



