Ribadeo 15-6-17. Un grupo de ribadenses a título particular, co apoio decidido do Concello de Ribadeo, realizará este luns 19 de xuño ás sete e media da tarde unha homenaxe á ribadense Manuela Barreiro Pico, que foi a primeira muller farmacéutica de Galicia, título que obtivo no ano 1900 e polo que xa conta cunha rúa na localidade. A homenaxe terá lugar no bar El Cabás, na rúa Rodríguez Murias, onde ela tivo a súa farmacia entre 1903 e 1933.
O acto que se desenrolará servirá para poñer en valor a figura desta muller despois da investigación realizada sobre a súa figura e trátase de algo totalmente aberto ao público e todos cantos veciños desexen acudir. No mesmo estarán presentes tamén algúns membros da familia da homenaxeada.
Como mostra de recoñecemento especial e xa permanente á súa figura, o Concello colocará unha placa especial no exterior do edificio na que se lembrará a importancia desta ribadense no avance dos dereitos das mulleres na sociedade, eido no que foi unha pioneira.
Tralo descubrimento da placa, no interior do local poderase ver unha pequena exposición que repasa a traxectoria persoal e profesional de Manuela Barreiro no que atingue á inxente loita que mantivo nunha época moi complicada, primeiro para poder estudar unha carreira de ciencias, e logo para poder facerse cunha farmacia e exercer a súa profesión.
Os promotores da homenaxe destacan de xeito especial que o seu principal interese é o de permitir que fique na memoria dos ribadenses cando menos unha parte de todo o feito por esta muller sobre a que xa hai feito un traballo previo da asociación de veciños Atalaia.
Á marxe deste acto aberto, o semanario local La Comarca del Eo acollerá un traballo especial na súa edición do día 24 no que se recollerá polo miúdo toda a traxectoria persoal e profesional de Manuela Barreiro coa idea que estea xa para sempre acesible a quen se interese por ela e, de xeito simbólico, no periódico que ten Ribadeo de seu.
Manuela Barreiro Pico naceu no concello de Viveiro de forma “accidental”, segundo se recolle na súa propia partixa de nacemento. Ao pouco voltou con seus pais á súa casa de Ribadeo, onde o seu pai era mestre. Con dotes innatas para o estudo, destacou xa no bacharelato, que cursou en Lugo, e posteriormente arrancou unha auténtica cruzada, apoiada por seu pai, para acadar entrar na facultade de Farmacia primeiro e para poder traballar despois. Esa loita convértea nunha auténtica pioneira na loita polos dereitos das mulleres e só por uns meses non é a farmacéutica máis antiga de toda España. Mais isto é un feito práticamente anecdótico, xa que o importante é a loita e a constancia para obter algo que consideraba lexítimo e que acabou por acadar abrindo dese xeito un camiño aos estudos universtarios que agora transitan con total e obrigatoria naturalidade multitude de mulleres.
Os organizadores da homenaxe agradecen ao Concello o apoio incondicional que lles brindaron así como á Escola Municipal de Música e Danza, que participará musicando algúns momentos do acto do luns. Tamén queren citar singularmente á delegación de Muller e Igualdade que financiou a través do CIM a exposición sobre Manuela Barreiro e máis a propia placa, con deseño especial de Sargadelos.
Pero sobre todo, agradecen o apoio de todos os ribadenses que dun xeito ou outro axudaron para sacar á luz unha historia incrible e, de xeito singular, aos seus descendentes diretos que en todo momento se brindaron a colaborar con nós dun xeito que foi moito máis alá da mera cortesía e sen os que sería totalmente imposible rescatar a figura de Manuela Barreiro Pico, cuxa loita agora quedará para sempre no lugar que lle corresponde, un lugar no que axudou a que a humanidade enteira dese un paso cara adiante.





















A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



