Lugo 25-6-17. SANTÍSIMO SEÑOR SACRAMENTADO,
Preséntome hoxe ante Vós en representación do Antigo Reino de Galicia, honrada por ostentar tal privilexio por segunda vez. A esta catedral de Lugo acudín hai dous anos, estreada a miña condición de alcaldesa da miña vila natal, Mondoñedo, unha das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, xunto á Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Betanzos e Tui. Aquí estou, neste fermoso templo, declarado patrimonio da Humanidade hai precisamente dous anos. Veño dunha cidade que tanto aportou a cultura galega terra que viu nacer personaxes ilustres. Álvaro Cunqueiro, Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro ou Xosé Díaz Jácome deixaron a súa impronta nalgunhas das mellores páxinas da nosa literatura. Outro mindoniense, Pascual Veiga, compuxo a melodía que alenta a galeguidade dos bos e xenerosos da boa nazón de Breogán, melodia que recordo no seu 110 aniversario. terras inspiradoras de pasado brillante, cun vivo presente e futuro no que asumin a responsabilidade de convertilo en ilusionante e prometedor.
Veño para renovar a devoción, respecto, gratitude e recoñecemento que dende 1669 vos expresamos todas as galegas e galegos pola protección que nos tedes brindado dende a orixe dos tempos.
Pasaron xa 348 anos da primeira vez que se celebrou esta ofrenda, pero non podemos vela como unha de tantas tradicións que perduran só por arraigo. A ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento permanece vixente porque seguimos sendo maioría aqueles que defendemos o noso valor como pobo firme e asentado nas súas raizames, orgulloso e forte no seu tronco, e valente e xeneroso nas súas follas. Un pobo que intenta darlle sombra a quen ten calor, acubillo a quen ten frío e seguridade a quen ten medo. Un pobo que amosa toda a súa unión e solidariedade cando alguén trata de facerlle dano a calquera dos seus fillos. Un pobo que, cal carballo centenario, resistiu mil e unha treboadas, e resistirá mil e unha treboadas máis. Como ben dixo Álvaro Cunqueiro, “louvado sexa Deus porque me permitiu nacer, medrar e facerme home neste grande Reino que chamamos Galicia”.
Agradecidos vimos, mais tamén responsabilizados, sabendo que podemos pedir, pero que temos que ofrecer, que non podemos limitarnos a agardar a que Vós, Santísimo Señor Sacramentado, nos coidedes e protexades sen nós farcermos nada por labrarnos un presente próspero e un futuro prometedor.
É a nosa obriga como representantes elixidos polas galegas e galegos liderar ese camiño pensando sempre no mellor para todos, non no que nos convén a cada un. E nese propósito penso que podemos postrarnos ante vós, cos nosos erros, que os temos, pero tamén cos nosos acertos e, sen dúbida, cos nosos esforzos. Esforzos por chegar a acordos nas grandes cuestións, como apoiar a axeitada dotación de medios económicos para as demandas das luguesas e lugueses, para mellorar a súa vida cotiá, con máis servizos e infraestruturas, para un bo coidado dos nosos maiores, para tratar de combater o despoboamento do rural ou para conseguir os medios que permitan que a nosa cultura teña as canles de difusión que merece.
Son unhas metas que considero o suficientemente importantes como para esquecernos do pouco que nos separa e centrarnos no moito que nos une. Esa é precisamente unha das ensinanzas que Vós nos transmitístedes e que nos permitiron aos galegos chegar ata aquí como un POBO CON MAÍUSCULAS, orgulloso de si mesmo e seguro do camiño que quere percorrer.
Ben o sabían aquelas dezaseis persoas, quince homes e unha muller que, procedendo de signos políticos moi distintos, souperon unirse alá polo ano 1979 para elaborar o anteproxecto de estatuto coñecido como “Estatuto dos 16”, que lles encargara o presidente da Xunta de Galicia preautonómica, Antonio Rosón. Alí houbo posicións políticas, pero non intereses partidistas. O seu traballo mereceu este mesmo ano o recoñecemento de todas as galegas e galegos a través da súa principal institución: o Parlamento de Galicia. Esa debe ser a senda que sigamos nós, co noso traballo e a vosa protección e apoio.
No fondo, non se trata máis que de aplicar os vosos consellos. Os demais por diante de un mesmo. O interese de todos por riba do egoísmo persoal. Porque os que nos dedicamos á política temos que ter claro que é un instrumento para servir os demais, non a nós, nin enlear nas revoltas internas dalgúns partidos; iso sería un uso espúreo do exercizo da nosa actividade. Eu proveño dunha familia de gandeiros, e teño claro que estou na política porque quero mellorar a vida dos mindonienses, dos lugueses e dos galegos. Ese é o camiño que intento manter, para o que busco conseguir o apoio das miñas veciñas e veciños, e pídoche axuda para non desviarme del. Ser moi consciente do punto de partida é fundamental para saber distinguir cal é o camiño que nos leva aos logros que perseguimos.
Son consciente de que sen vivir nunha democracia consolidada, unha muller pertencente a unha familia humilde como a miña non chegaría endexamais a ostentar ningún cargo público, a gobernar un concello como Mondoñedo ou a traballar a prol de todos os lugueses dende a Deputación. Esa é a grandeza da democracia: todos somos iguais e todos podemos aspirar a ter as mesmas oportunidades, tamén aqueles aos que agora parece non lles vale o estado en que viven, aínda que lles permitira gobernar concellos ou ocupar escanos no Congreso e no Senado. A democracia é liberdade, non libertinaxe. Que nos permiteu medrar como país, catro decenios de consagración de dereitos individuais, de recoñecemento de identidades colectivas e os seus conseguintes dereitos, de gobernos de maiorias, pero respeto as minorías, un traballo difícil que pasou o noso país, pero que cos acertos e erros que toda cunstruccion humán conleva, seria profundamente inxusto para as xeneracións que o fixeron posible que desde os extremismos se DESPRECE OU MINIMICE OS LOGROS ACADADOS. E tamén para os mais mozos que teñen o dereito a recoñecerse nunha das páxinas mais brilantes da historia española dos últimos seculos.
Ten normas, e fomos todos os españois, independentemente das nosas orixes, crenzas ou ideas, os que as acordamos e recollimos na Constitución a través dos nosos representantes políticos. Non menos certo é que as normas non deben ser inmutables, teñen que evolucionar cos tempos, pero sempre dende un espírito de consenso e de busca do ben común que os demócratas temos que lembrar e esixir a todos, agora máis ca nunca.
No nome de todos os que conformamos o Antigo Reino de Galicia, ofrézoche de novo o noso inmenso agradecemento e respecto, e pídoche humildemente que nos sigas axudando para non desviarnos da senda que nos permita:
1. Ter moi presente que o papel de políticos e representantes destacados da sociedade nos esixe servir aos demais e nada máis que aos demais, deixando de lado calquera interese persoal ou de partido. Axúdanos a manternos firmes no convencemento de que a nosa función é contribuír ao progreso de todas as galegas e galegos, intentando facelo sempre de xeito consensuado cos demais, buscando chegar a acordos e evitando impoñer ideas. Neste senso, mantennos vixiantes para que o cancro da corrupción, que moito dano ten feito á clase política e á sociedade en xeral, poida ser erradicado dunha vez por todas. Contra el loitamos moitos e facémolo cada día.
2. Señor, ti que multiplicaches o pan e o peixe para saciar unha multitude famenta, axúdanos a conseguir os recursos para que todas as galegas e galegos poidan gozar de benestar económico, social e persoal. Que sexamos quen de conseguir que todos aqueles que estean en disposición de traballar consigan un traballo que lles permita valerse por si mesmos con dignidade e realizándose como persoas.
3. Potenciar a familia, como entidade básica de cohesión social, coas evolucións lóxicas que os tempos van impoñendo sobre os conceptos de parella e unidade familiar, sempre sen perder de vista que o amor, a xenerosidade e a entrega aos nosos seres queridos son o motor de calquera sociedade.
4. Erradicar dunha vez por todas a lacra da violencia machista, que parte da idea errada da posesión da muller por parte do home. Dalle forza a quen a padece para denunciar a súa situación, e sentido a quen a exerce para deixar de lado esa lacra que non acaba de abandonar a nosa sociedade.
5. Traballar a prol de todos os espazos e ámbitos de poboación de Galicia, dende as grandes cidades ás aldeas máis pequenas. Que acaden os seus obxetivos en aqueles eidos que lles permiten medar, infraestructuras, desenvolvemento dos sectores estratexícos. Axúdanos a facer atractivo o medio rural para que esa riqueza non pase desapercibida para a xente nova. Que saibamos aproveitar todas as posibilidades que ofrece a Galicia urbana sen esquecernos da riqueza vital e económica do noso patrimonio natural, dese “grande reino do Fisterre que vai dende os montes ata o mar onde brillan os barloventos. A terra dos mil ríos e dos mil vales” da que falaba Cunqueiro.
6. Atender os nosos maiores, que nos deron todo porque foron os que nos trouxeron a este mundo. Aprender das súas ensinanzas e coidalos para que poidan transmitírnolas os máis anos posibles e coa mellor calidade de vida posible. E que nós, a xente nova, saibamos valoralas e aplicalas a prol dun mundo mellor.
7. Apoiar as galegas e galegos que viven na emigración e que tanto contribuíron ao desenvolvemento do noso país. Outro ilustre mindoniense, Antonio Noriega Varela, refería a historia “dunha Rosa…, pura almiña da montaña!; foise da súa casiña e murchouse en terra extraña”. Permítenos axudar os galegos que nesta época poidan pasar por dificultades derivadas da situación económica ou política actual dos seus países.
8. Manternos afastados da lacra do terrorismo xihadista, tanto os galegos que vivimos no país como os que estean temporal ou permanentemente fóra del, e apoiar os países e sociedades que padezan os seus efectos. Que a senrazón de quen quere acabar con vidas humanas facendo o meirande dano posible non nos coarte como pobo que somos cun estilo de vida baseado nos dereitos e nas liberdades individuais e colectivas. Somos galegas e galegos, somos fortes, somos xenerosos, somos sensibles e somos LIBRES, e así o seguiremos sendo, mal que lles pese.
9.Por último, que se fagan realidade todas as peticións xustas e de boa fe que poidan ter todos os aquí presentes, e todas as galegas e galegos, e que non citara expresamente.
10.
Ogallá que así sexa,
Elena Candia
Alcaldesa de Mondoñedo






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



