A Mariña, 31 de outubro de 2017. O presidente da Mancomunidadede Municipios da Mariña, Alfredo Llano, participou hoxe nunha xuntanza da comisión técnica de traballo que se reuniu en Ferrol para seguir afondando no futuro do tren que une os concellos da Mariña luguesa, de Ortegal e de Ferrol. No encontro participaron tamén técnicos da Xunta e de Renfe. Llano demanda que o tren debe prestar un bo servizo para os estudantes da Mariña e para os usuarios e usuarias do Hospital da Costa, e que se conciba o seu funcionamento como un tren de cercanías. Alfredo Llano levará á Mancomunidade este asunto co obxectivo de consensuar uns horarios acordes coas necesidades desta comarca. Esa proposta será a que presente na comisión técnica de traballo que se reunirá de novo en Ferrol entre o 10 e o 15 de decembro.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña explicou que “hoxe estivemos falando dos horarios que serían mellores para a zona, e sobre todo estivemos mirando a eficacia dos mesmos. A nosa proposta conxunta é poñer uns horarios que garantan un bo servizo para os estudantes que se mobilicen pola Mariña para ir a diferentes centros formativos, polo tanto que cheguen á súa hora para entrar pola mañá. Tamén que teñan bo horario aquelas persoas que queiran ir a consultas ao hospital para que accedan a primeira hora xa. E tamén para os traballadores que van a diferentes empresas que están distribuídas na Mariña”.
Alfredo Llano considera que “se debe establecer esa mentalidade de tren de cercanías, e polo tanto valoramos a posibilidade de que exista un servizo de cercanías entre Viveiro-Ribadeo e Ribadeo-Viveiro. Ese horario temos que estudalo agora cos meus compañeiros da Mancomunidade, e entre todos facer unha proposta horaria de acordo con todos os concellos que poidan utilizar o tren. Esa proposta acordada dende a Mancomunidade cos alcaldes afectados levareina á próxima reunión desta comisión técnica de traballo que imos facer posiblemente entre o 10 e o 15 de decembro”.
Llano subliñou que “tamén eu fixen unha proposta de que queremos que exista un incremento de trens para ser empregados polos estudantes. Tamén manifestei que eses estudantes deberían ter a oportunidade de utilizar o tren para que vexan a vantaxe dese servizo público e para que se vaian concienciando de que hai que utilizalo máis a miúdo. Quedamos de mirar propostas para que os estudantes, a través dos institutos e dos colexios, poidan dispor dos trens para facer viaxes complementarios ou viaxes culturais. Na reunión da Mancomunidade imos concretar tamén aqueles concellos que queren ser visitados pola xente que ven nos trens turísticos como o Transcantábrico, que agora mesmo para en Ribadeo e en Viveiro pero non o fai no resto dos concellos, ou os trens que van visitando os faros pola costa luguesa”.
O presidente da Mancomunidade declarou que “a proposta que imos facer na Mancomunidade os concellos que así o queiran, é especificar aquilo que queremos que se vexa en cada un dos concellos. Aportaremos cada concello aquilo que se queira destacar porque sexa moi interesante turisticamente e culturalmente. Renfe quedou en enviarnos os trens que queren empregar como turísticos, e como iso queremos estendelo á Mariña os concellos dirán onde lles gustaría que parara a xente. Esa proposta vou levala á seguinte reunión no mes de decembro”.
Llano salientou que “a través dos técnicos non hai problemas, polo menos hoxe houbo atención e estivemos bastante tempo falando do tema dos horarios. Tamén falamos da seguridade das vías, do seu mantemento e das estacións, pero iso xa pertence a Adif. Trasladamos as nosas queixas e preocupacións sobre o mantemento e melloras dos apeadeiros e das estacións que hai na Mariña”.
Alfredo Llano agarda que á xuntanza de decembro acuda algún representante de Mobilidade, da Xunta, e tamén de Adif.























Actuarán Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte, e o sábado será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion. López destacou o impacto económico do festival, cun retorno estimado dun millón de euros, mentres que Rouco subliñou a súa importancia turística e a achega municipal de 120.000 €.
O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.



