Burela, 6 de marzo de 2018. A Secretaría da Muller da Confederación Intersindical Galega da Mariña convoca ás mulleres da comarca a secundar a Folga de dúas horas o próximo xoves, folga enmarcada no paro internacional de mulleres que se vai desenvolver en máis de 50 países do mundo, para reivindicar a igualdade entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social , e o dereito a vivir sen violencia.
A CIG convoca FOLGA DE MULLERES unicamente, porque entendemos que é ás mulleres a quen nos corresponde ter o cen por cento o protagonismo da folga; porque queremos amosar claramente o impacto que ten, que nun momento da xornada, as mulleres abandonen os seus postos de traballo, para así evidenciar o seu peso na realidade económica do país.
Ademais do paro laboral tamén está convocada folga de coidados e consumo.
As estudantes tamén están chamadas á folga.
Sobran as razóns:
discriminación salarial
precariedade na contratación
feminización da pobreza
asunción maioritaria dos coidados
pensións inferiores ao SMI, ou mesmo ausencia delas
acoso e violencias
Chamamos a todas as mulleres, asalariadas ou non, a secundar os actos programados na nosa comarca:
1. Concentracións de mulleres diante dos concellos de Ribadeo, Burela e Viveiro, ás 12,30 h.
2. Marcha das mulleres en Burela, desde a Estación do Tren, ás 19,30 h, e que rematará á 20 h na Praza da Mariña. A esta marcha tamén están convidados os homes. Esta actividade está organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade.