Burela 8-6-18. O Pescados Rubén Burela FS e Juanma Marrube formalizaron a renovación do técnico mariñán para 2018-19. O alfocego asume esta segunda tempada á fronte do conxunto laranxa co obxectivo de facer medrar o proxecto iniciado hai un ano: “Asumo o desafío con moita tranquilidade e ganas de volver empezar, co aliciente engadido de seguir transformando o equipo, de seguir mellorando con moito traballo o que se comezou en agosto de 2017” aseguraba o laranxa, recoñecendo a súa ledicia pola continuidade na que é a súa casa: “Estou moi contento. En febreiro, o vicepresidente, José Luis, xa me transmitiu que querían contar comigo, a predisposición polas dúas partes sempre foi boa”.
Un gran ano
O Pescados Rubén Burela FS pechou 2017-18 cun gran ano, co primeiro título de Copa Galicia Masculina e a disputa de play off. “Gustaríame agradecer o labor que fixo todo o cadro do ano pasado, de vir dun descenso, de querer facer un cambio, cun gran compromiso, de conseguir ilusionar de novo a xente en tan poucos meses. Foi un labor de todos os xogadores, tanto dos que quedan como dos que xa non seguen. En todo equipo sempre se dá esta situación de altas e baixas, son decisións ás veces complicadas, pero hai que tomalas” mostraba a súa gratitude Juanma Marrube para todo o vestiario.
Novidades
Ás renovacións de Matamoros, Hélder e Pope, xunto á continuidade de Renato, súmanse as chegadas do peche Lucho e o ala Vargas, procedentes do Levante UD, ademais do ala Juanfran, do Segovia. “O perfil é dun xogador que vén de estar disputando minutos en Primeira División, xogadores novos, pero tamén con experiencia, sumado a un pouco máis de veteranía, no caso de Lucho. O perfil de Juanfran e Vargas é moi similar a Pope, Renato ou Hélder. Ese equilibrio que nos deron este ano sérvenos para seguir afianzando a proposta de fichar este tipo de xogador” falaba así das novas caras laranxas o técnico.
“A idea é seguir coa mesma forma de traballar, coa mesma metodoloxía, facilitándolles aos novos xogadores a integración no cadro o máximo posible. O reto é asentar as novidades sobre a base do traballo xa feito, da tempada pasada. Hai contactos con xogadores e negociacións avanzadas pero aínda non hai nada pechado” concluía o Mariskal facendo referencia ao cadro definitivo de 2018-19, que volverá ao traballo a comezos de agosto.






















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
