Foz, 11 de xuño de 2018. O documental titulado En galego en Foz, elaborado polo equipo de dinamización da lingua galega do IES focense, será presentado e estreado nun acto público que se celebrará mañá, martes, ás 20:00 horas na Casa da Cultura. O tráiler pode verse a través deste enlace:
https://youtu.be/kTqbp4MIeQ.
Desde o IES de Foz explican: “trátase dun vídeo colectivo baseado en breves entrevistas a veciños e veciñas de Foz realizadas polas alumnas do equipo: Uxía Rodríguez, Rosa Martín, Marta Rega, Eva Martínez, Lucía Agrelo, Paola García e Naila García. A través da visión de Julia, traballadora social; Antonio, cura; Otilia, vendedora de peixe; Fina, policía local; Marcelino, ferreteiro; Rosa, costureira; e Eddy, estudante no IES de Foz; achegámonos á realidade cotiá do seu traballo e ao uso consciente da lingua galega”.
A dirección e montaxe son de Roi Cagiao, profesor do IES de Foz e finalista na última edición dos premios Mestre Mateo, na categoría de Documental, coa súa obra Vigo 1972. O son e a música orixinal son froito da colaboración de Alberto Aguado, profesor no IES Illa de Sarón, de Xove.