Barreiros, 10 de xullo de 2018. Cos votos a favor do equipo de goberno barreirense, no pleno extraordinario celebrado onte, acordouse solicitar unha subvención para realizar melloras na cuberta da Casa do Concello. Estes traballos suporán un custe de 66.000 euros. O alcalde, Alfonso Fuente, amósase sorprendido polas críticas realizadas polo BNG. Acúsaos de practicar a política da pataleta e de estar anclados no pasado, xa que o alcalde pode asinar calquera documento desde calquera parte do mundo, grazas á firma electrónica. Fuente Parga atopábase en Tenerife cando asinou a convocatoria desta sesión plenaria.
O alcalde contou que “onte celebrábamos un pleno en Barreiros no cal o Bloque Nacionalista Galego pedía a suspensión desa sesión. Un pleno que se fixo extraordinario, anticipando ao ordinario, precisamente por unha serie de melloras e de bonanzas que van vir para o Concello de Barreiros. Tratábase da solicitude dunha subvención para cubrir o edificio das oficinas municipais que leva feito moitisimos anos, e había que actuar sobre o tellado. Fíxose unha remodelación interior nestes anos e agora tocan estas melloras”.
Alfonso Fuente explicou que “saíron unhas subvencións do Estado, tiñámolas tramitado e había que mandar o acordo do pleno. O BNG xa dubidaba incluso de que houbera partida, igual que dubida de todo, de que haxa cartos para desbroces, dubida de todo en Barreiros. Cando despois si se están facendo as cousas e estase atendendo todo sen ningún problema”.
O rexedor subliñou que “hai uns días víamos como se publicaba que Barreiros é o cuarto concello de Galicia imán, é dicir, que máis xente atrae durante o verán, e eu digo que por algo será cando entra nesa lista da que desaparecen outros concellos de moita máis entidade que o de Barreiros. Isto non o está dicindo o alcalde de Barreiros , isto está dicíndoo o Instituto Nacional de Estadística, pero a estes señores lles dá igual”.
Fuente Parga cre que “entramos nun momento da política da pataleta, da rabieta, do enfado, hai veces que son como nenos de colexio. Parece ser que o Bloque Nacionalista Galego non coñece o funcionamento da firma electrónica, é dicir, as novas tecnoloxías para eles parece que están moi lonxe. Están anclados no arcaico, no pasado totalmente, porque hoxe en día calquera veciño desde calquera punto do mundo pode solicitar un certificado de empadroamento no Concello de Barreiros, e o alcalde pode asinar ese empadroamento desde calquera punto do planeta. Polo tanto, o alcalde de Barreiros neste caso convocou un pleno, e o asinou, estando de viaxe cunha asociación folclórica de Barreiros que estaba de intercambio en Tenerife, como podía estar en Alemaña, en Rusia, en Italia, en EE.UU., ou en calquera outro país do mundo, e o alcalde podía estar alí asinando esa convocatoria, asinando un censo ou calquera solicitude porque existe dende fai un tempo xa, e recórdollo ao Bloque Nacionalista Galego, a firma electrónica, onde queda constancia incluso de a que hora e que día asina o alcalde, pero iso non lles interesa”.
E engadiu que “o alcalde asina moitas veces nas horas que coincide, moitas veces fora do horario, nas vinte catro horas do día pode asinarse calquera documento coa firma electrónica. Iso sábeo quen está nas novas tecnoloxías, quen está no actual, quen está no avance tecnolóxico, pero hai quen está anclado no arcaico, e sacan notas como as que vemos hoxe na prensa que sorprenden a calquera. Non se deixou de atender ningún escrito nin ningunha solicitude do Concello, seguíronse todas. Eu podo ver calquera escrito que se presenta estando en calquera punto do mundo, en calquera momento e resolvelo, non teño porque ter presenza no Concello”.
O rexedor considera que “se para eles faltar do Concello de Barreiros durante tres días laborables, mércores, xoves e venres, é un insulto aos veciños o que están a dicir é que o alcalde non pode faltar nin un só día, e eu digo que por algo será, é dicir, ten que estar o alcalde sempre. Cando din que hai outra xente con responsabilidades de goberno, evidentemente somos seis concelleiros con plena confianza entre todos, e que calquera toma calquera decisión co amparo de todos e despois de consultalo coa Alcaldía. Non hai ningún problema. Sorpréndeme esta pataleta, igual que pretender suspender un pleno no que íamos solicitar, e solicitamos porque ao final saíu adiante, 66.000 euros para cubrir o edificio do Concello, un edificio que é de todos os veciños, non só do alcalde nin do equipo de goberno nin de quen traballa aquí, é de todos os veciños. Igual que o acabamos de pintar queremos tamén arranxarlle a cuberta”.
No pleno extraordinario de onte “acordamos ademais aceptar a cesión dun vieiro da Deputación que nos vai reportar ao Concello mínimo 30.000 euros anuais. Se iso sumado co que o outro día aceptábamos tamén a desafección do centro médico, que pode supor outros 30.000 euros ao ano, estamos a falar de que en menos de vinte días, e aínda estando o alcalde en Tenerife, fíxose unha xestión que lle vai supor ao Concello máis de 100.000 euros ao ano”, seguiu a relatar Alfonso Fuente Parga.
O alcalde dixo que “cando leo estas cousas me parece unha pataleta, un enfado de nenos pequenos, unha rabieta e nada máis. Os veciños saben que se está a traballar por Barreiros e os datos están aí. Volvo recordar que o Concello de Barreiros é o cuarto que máis xente atrae durante a época estival segundo o Instituto Nacional de Estadística. A pesares de non ter as bandeiras, pero si ten os socorristas, as praias si están atendidas e teñen todos os servizos, e temos un subministro de auga que non falla, salvo que haxa unha rotura, que está cubrindo as necesidades e nuns días imos inaugurar unha nova depuradora cun investimento de 1 millón de euros”.
Alfonso Fuente manifesta que “parece ser que o que lle molesta ao BNG é que o alcalde se marche tres días a Tenerife cunha agrupación folclórica de Barreiros que fixo un intercambio, e ademais acompañando aos seus dous fillos. Polo tanto paréceme chegar a uns extremos na política que non deberan estar permitidos”.





















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



