Ribadeo, 18 de xullo de 2018. Intensa axenda de actividades culturais do 19 ao 22 de xullo en Ribadeo. Mañá darán comezo as XVI Xornadas de Historia Local e o venres haberá o concerto de verán da Coral Polifónica de Ribadeo. O sábado inaugurarase unha exposición de Cris Andina no Forte de San Damián e pola noite o SonRock será o protagonista. E o domingo celebrarase o II Festival de Música Tradicional de Ribadeo.
O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “desde este xoves, 19 de xullo, e ata o domingo 22 se van desenvolver varias actividades relacionadas coa música e coa historia local de Ribadeo. Desde a intensa relación de Ribadeo co mar, a través dos corsarios, os ingleses e calquera perigo ou acerto que puidera vir polo mar, ata a música coral, tradicional e rock, pasando polo mundo da escena galega, a través dunha exposición fotográfica de Cris Andina”.
O edil ribadense relatou que “o xoves, 19 de xullo, comezan as XVI Xornadas de Historia Local. Ás 20:30 horas da tarde terá lugar a conferencia A morte ven do mar. Corsarios, ingleses e pestes na Galiza cantábrica. Será na Casa do Mar en Ribadeo. A conferencia será impartida por Xoan Ramón Pacios, historiador e veciño noso de Foz, unha persoa licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, e que ten organizado as Xornadas de Estudos Medievais da Mariña Central, desde a súa primeira ata a súa sexta edición. Ademais foi comisario da exposición Foz e a súa historia, unha persoa preocupada polo mar e da que podemos ler artigos seus ao longo dos fins de semana, durante todo o ano, na prensa da Mariña”.
Farruco Graña dixo que “o venres, 20 de xullo, seguimos coas Xornadas de Historia Local, pero ese día a conferencia vai ser ás sete e media da tarde e levará por título Sistemas defensivos litorais no Cantábrico galego: fortes, fachos, trozos e corentenas, unha conferencia impartida por Xosé María Leal Bóveda, un investigador da USC. Ese día adiantamos a conferencia para que, ás nove menos cuarto, poidamos ir escoitar o concerto de verán da Coral Polifónica de Ribadeo, que será no auditorio Hernán Naval. Trátase do tradicional concerto de verán, que ademais ten un toque benéfico e solidario, porque as doazóns que fagamos todas as persoas que asistamos ao concerto irán destinadas aos fondos da Asociación Española de Loita contra o Cancro. Combinamos cultura, música e pracer con solidariedade”.
O concelleiro de Cultura adiantou que “o sábado, 21 de xullo, ás once e media da mañá no Forte San Damián reunirémonos para continuar coas Xornadas de Historia Local. Faremos un percorrido ata o Faro de Illa Pancha lendo textos históricos por parte de Elisa Pérez Vázquez, coordinadora do Museo Histórico de Sargadelos. Unha visita guiada que vai ser ben interesante, para poñer remate ás Xornadas de Historia Local que organiza, como sempre, a Agrupación Cultural Francisco Lanza. Ese mesmo sábado ás sete da tarde inauguraremos a exposición de plástica da fotógrafa ribadense Cris Andina que leva por título Outra pel, outro rostro. O mundo da escena galega, actores e actrices, que xunto aos seus personaxes pasan polo obxectivo fotográfico de Cris Andina. Convidamos a todos e todas a achegarse ese sábado ás sete da tarde ao Forte de San Damián. Un paseo e unha exposición, non hai mellor pracer en todo o verán. O sábado tamén, ás dez e media da noite, no parque de San Francisco xa co corpo un pouco máis cheo de ganas de marcha, poderamos escoitar aos Remakers, un grupo ben coñecido por todos e todas nós en Ribadeo, que abrirá o concerto SonRock Ribadeo nesta edición de 2018. Unha vez que rematen a actuación os Remakers, daremos paso aos coruñeses Tregua”.
Farruco Graña concluíu indicando que “o domingo, 22 de xullo, teremos o II Festival de Música Tradicional de Ribadeo organizado por A Ronqueta. O grupo Marbadás da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo vai recibir como convidados á agrupación cultural Abelladeira, de Ponferrada, e Mistura, de San Cibrao. Ás oito menos cuarto comezarán un pasarrúas no Teatro de Ribadeo en dirección ao parque de San Francisco, onde vai ser o concerto que darán as tres agrupacións musicais tradicionais a partir das oito da tarde. Como ben se pode ver, música, cultura e artes plásticas, un montón de actividades esta fin de semana en Ribadeo para que ninguén de nós se aburra”.






















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



