Ribadeo, 26 de xullo de 2018. Ribadeo acollerá na mañá do domingo, 29 de xullo, un día dedicado ao produto local dentro do Mercado dos Domingos. A actividade está organizada polo Concello de Ribadeo e a Asociación de produtores e produtoras da Horta de Ribadeo A Sucadoira en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos de Lugo da USC e o CFEA Pedro Murias.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, sinala que “celebramos este día do produto local no Mercado dos Domingos porque entendemos que é o mellor lugar para comezar a valorar o produto local, por ser o mercado de produtores e produtoras locais onde se achegan directamente os produtos ao consumidor, das persoas produtoras á mesa, poñendo en valor a economía máis próxima e potenciando o consumo de temporada e responsable”.
Durante a mañá do vindeiro domingo, día 29, no Mercado dos Domingos ademais de acoller a venda directa dos produtores e produtoras que cada domingo asisten ao mercado haberá unha diversidade de actividades co obxecto de valorar o produto local e animar esta cita. Martínez subliña que “desde primeira hora poderemos saborear no propio mercado un Ecoalmorzo, cunha opción doce e salgada e que complementará a variada oferta que ofrecen os postos que participan. Ás 11 horas dará comezo o obradoiro Aprende a facer un horto no teu balcón. As persoas asistentes terán a ocasión de coñecer algunhas recomendacións para poñer en práctica unha mini produción na casa. Aquelas interesadas pódense apuntar no correo adl@ribadeo.org ou no teléfono 982128650”.
A edil ribadense seguiu a relata que “Entre as 12:00 e as 14:00 horas haberá música no mercado, que será animado polo dúo formado por Iría Estevez e Gonzo Piña, que nos deleitarán con fados e outras músicas populares. Ás 13 horas poderemos participar nunha cata de tomate popular dirixida por un panel de persoas expertas procedentes da Aula de Produtos Lácteos de Lugo da USC. Nesta actividade tanto produtores/as como consumidores aprenderemos a diferenciar, coñecer e valorar o tomate da zona. Participarán tamén nesta actividade o CFEA Pedro Murias, dando a coñecer o tomate ecolóxico da zona cos que están a traballar na súa finca. E xa para o aperitivo nos bares da contorna: Fumarel, Delicias, Taller, Queimada, Prohibido, Ribeira e O Forno ofrecerán a tapa do mercado como tapa de cortesía e en colaboración con estas actividades”.
Ana Martínez anima “a participar nesta xornada dedicada ao produto local”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



