Ribadeo, 28 de novembro de 2018. No pleno ordinario celebrado onte foi aprobada a sinatura dun convenio entre o Concello e a APLU para que sexa esta axencia da Xunta de Galicia a que se encargue de controlar o solo dos núcleos rurais. Ribadeo conta con 99 núcleos e máis de 100 quilómetros cadrados de superficie polo que esta tarefa complícase para o persoal municipal. No sesión plenaria tamén se acordou solicitar a incorporación de Ribadeo á asociación de Concellos pola lingua galega e o incremento do IPC para as tarifas da piscina municipal.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que “neste pleno ordinario, celebrado onte, foron varios asuntos os que se levaron adiante, e quero destacar que todos eles foron aprobados por unanimidade ou coa práctica unanimidade. É o caso do convenio que imos levar adiante entre o Concello e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, este departamento que pertence á Xunta de Galicia e que xa ten a misión de vixilancia urbanística no solo rústico, pero a partir de agora, coa sinatura deste convenio, tamén o vai ter no solo de núcleo rural. Hai que ter en conta que o concello de Ribadeo é grande en extensión, temos 99 núcleos e máis de 100 quilómetros cadrados de superficie, e faise moi complicado que o persoal municipal poida estar controlando o territorio durante todo o tempo, en todos os sitios, o cal pode producir ás veces situacións discriminatorias”.
O rexedor dixo: “queremos que non se produza ningunha discriminación, polo tanto queremos que este organismo, que posúe moitos máis medios que nosoutros, que ten a policía urbanística e unha serie de técnicos profesionais especificamente destinados a iso, sexa o que a partir de agora controle a vixilancia urbanística e o control urbanístico, para que todo o mundo poida facer o que a lei lle faculte, pero non o que a lei lle prohiba. Para logo evitar problemas que despois nos lamentemos todos e nos tiremos dos pelos, sobre todo ao ver experiencias de concellos ben próximos a nós, no que a desfeita urbanística vai supoñer varias xeracións de persoas e de problemas para resolvela”.
Suárez Barcia engadiu que “tamén aprobamos a incorporación deste Concello de Ribadeo, ao igual que moitos de toda Galicia, a esta asociación que se está creando de Concellos pola lingua galega, para a promoción da lingua e a realización de actividades na súa defensa e na súa dignificación”.
O alcalde sinalou que “ademais aprobamos, por unanimidade, o incremento do IPC nas tarifas de piscina municipal. Esta instalación está a través dunha concesión e no contrato, no seu momento, está pactado que o concesionario pode, si así o desexa, incrementar os custes derivados polo incremento do índice de prezos ao consumo. Polo tanto, está no contrato e desde o pleno ratificamos esa pretensión da empresa”.
O rexedor ribadense contou que “no apartado de rogos e preguntas, diferentes concelleiros dos grupos da oposición suxiren cuestións de mellora para toda a cidadanía, e desde o goberno intentamos cumprir, na medida das nosas posibilidades, ou motivamos e explicamos cando non o podemos levar adiante. En todo caso, como sempre, como nestes últimos anos, os plenos son agradables de trato, coas lexítimas diverxencias ideolóxicas e políticas, pero ímolo levando razoablemente ben entre todos e todas”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



