- Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro de Mama o pasado mércores, 14 de outubro, celebrouse en Lourenzá unha charla informativa coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC), seguida dunha merenda solidaria
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
- Rematou á viaxe á Mariña do escritor e xornalista José Ribagorda, que este domingo visitou varios comercios en Ribadeo e na Pontenova dentro da campaña “De compras pola Mariña” da FCAM
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
- O IES de Foz celebra unha nova edición das súas Xornadas Micolóxicas, unha cita xa consolidada no centro e que envolve toda a comunidade educativa en charlas, saídas ao monte e exposicións
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
- O deputado de Medio Rural, Daniel García, participou este domingo na entrega de premios da Gran Feira Cabalar das San Lucas, en Mondoñedo
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
- A A.C. Francisco Lanza realizou este sábado unha viaxe cultural por Pontedeume e Sobrado dos Monxes
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.
- María José Gómez en Mondoñedo
A conselleira do Medio Rural acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este sábado á feira e festas das San Lucas.
- Cervo acolle unha nova exposición de pintura dedicada ao Arte Neofuturista do creador Xosé López Losada, “Xolo”
A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.