- As Noites de Fútbol 3x3 de Cervo reuniron numerosos equipos e afeccionados nunha semana marcada polo deporte, a convivencia e o gran ambiente
A clasificación final quedou do seguinte xeito: en Sub-10, Los 5 FC proclamáronse campións, seguidos de Los Balones; en Sub-12, o primeiro posto foi para Aston Birra, seguido de Minavo de Kiev e The Blues Bananas; en Sub-15, o equipo Piti levou o título, seguido de PDC e Camoca; en Sub-17, PDC acadou o primeiro posto, por diante de Papa Cu Leti e Motototo; e na categoría Sénior, Motototo resultou gañador, seguido de Descansa e Texeira Lima. As medallas foron entregadas pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros José Manuel Balseiro e Alfredo Fernández, que felicitaron a todos os participantes polo seu esforzo e deportividade.
- Este martes ábrese o prazo para reservar as entradas da representación teatral Catro Vellos Mariñeiros: A Homenaxe, que terá lugar o mércores 5 de agosto, ás 21:00 horas, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro
As reservas poderán realizarse por teléfono, chamando ao 982 560 162, ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de catro entradas. Desde o Concello de Viveiro anímase á veciñanza a asistir a esta representación e lembra que as reservas se atenderán a partir da apertura do prazo.
- A pasada fin de semana celebrouse o VII Torneo Maruxaina de Tenis de Mesa, organizado polo CD San Ciprián, que reuniu a xogadores procedentes de Galicia, Asturias, Castela-A Mancha e Italia
A clasificación final situou a Braulio Gayoso (TM Luarca) como gañador, seguido de Eugenio Alonso (CD San Ciprián), e dun terceiro posto compartido por Carlos Ron (Atletic Génova TM) e Domingo Larriety (TM Luarca). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e destacou o éxito dun torneo que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival. O Concello felicita aos gañadores, a todos os participantes polo alto nivel amosado durante a xornada e ao CD San Ciprián pola excelente organización dun evento que continúa reforzando o seu papel como referente do tenis de mesa no norte peninsular.
- A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este domingo en Celeiro na tradicional procesión marítima pola ría de Viveiro que se celebra cada ano no marco das Festas Patronais e do Mar de Celeiro, que arrancaron o pasado xoves
Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa. Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.
- Nas instalacións do Real Club Náutico de Ribadeo tivo lugar este venres a presentación da XXXVI Semana Naútica, que se desenvolverá do 1 ao 14 de agosto
Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
- Doce novos policías nacionais en prácticas, pertencentes á 41ª promoción da Escola de Ávila, incorporáronse ás comisarías da provincia de Lugo para completar once meses de formación
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
- A Deputación celebrou na Praza de San Marcos a segunda Xornada de Exaltación do Bonito de Burela, un showcooking con tres chefs lucenses para promocionar a Feira do Bonito, que se celebrará o 1 e 2 de agosto
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.