- O domingo, 6 de Abril, terá lugar a Primeira Andaina Solidaria Camiñando Xuntos
Trátase dunha iniciativa organizada pola Asociación Camiña para reivindicar e dar visibilidade os dereitos das persoas con discapacidade, incluíndo o acceso a un lecer inclusivo e sen barreiras. A actividade terá un custo de 5€. A inscrición pode realizarse a través de: www.rockthesport.com/es/evento/1-andaina-solidaria-caminando-xuntos, ou o mesmo día nun posto habilitado na Praza do Concello de Burela a partir das 10:00h. Con esta andaina, búscase dar visibilidade e concienciar sobre a importancia da igualdade de oportunidades para todas as persoas.
- A Xunta colabora coa Ruta Trotamontes de Pol, que celebrará a súa décimo sexta edición o sábado 19 de abril
Os promotores agardan reunir a 250 quads, motos e ATV procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades como Asturias, León e Madrid. Os interesados en participar poderán formalizar as súas inscricións dende o vindeiro domingo 23 de marzo ás 19.00 horas a través do enlace que se publicará nas redes sociais do club Trotamontes ou no correo electrónico trotamontespol1@gmail.com.
- O Concello de Ribadeo recoñeceu os éxitos dos seus deportistas na Gala celebrada este venres no pavillón da Avenida de Luarca
Foron 506 rapaces e rapazas os homenaxeados de 16 modalidades deportivas. O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo do evento, que contou coa participación de coñecidos referentes deportivos como Óscar Pereiro, Iván Raña e Ezequiel Mosquera. Os tres animaron aos asistentes a seguir facendo e practicando deporte. Ao acto asistiron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manuel Otero, así coma o equipo de goberno ribadense.
- Concorrida asistencia á proxección do documental "Segadores da Órrea en terras de Castela"
Foi este xovess en Ribadeo coa organización da AC Francisco Lanza, na que os presentes poideron gozar dunha charla amena dos amigos e amigas da Órrea que falaron das súas vivencias na sega en Castela. Vendo o documental “Segadores da Órrea en terras de Castela. Unha historia de heroes” achegámonos a un tema lendario na nosa historia da man dos seus protagonistas. Nesta ocasión, escoitando a xentes da parroquia da Órrea, no concello de Riotorto. Mesmo dúas persoas que sendo uns mociños foron facer a sega estiveron presentes no acto e contaron de primeira man as súas vivencias e as lembranzas dos seus parentes e veciños.
- A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo este xoves un encontro de traballo co alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela
Na xuntanza, a conselleira e o rexedor abordaron actuacións urbanísticas, de interese para este municipio lucense. A conselleira subliñou a aposta da Xunta para cooperar cos concellos máis pequenos a través de actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e fixar poboación no rural.
- A concentración de motos de Mondoñedo “N-634, La invernal de Galicia” terá lugar os días 22 e 23 de marzo
Xa está aberta a inscrición. Presentaron o evento o presidente da asociación Motoclub N-634, Miguel Arias acompañado do Alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, do Concelleiro de Cultura, Alberto García e da Concelleira de Turismo, Patricia Otero. Dende a organización e o Concello queren convidar a moteiros e moteiras a participar neste evento que abre as concentracións de motos en Galicia.
- Encontro cheo de emoción entre o CAM de Trabada e o Centro de Día A Concordia de Ribadeo
Os residentes do Centro de Maiores de Trabada da Deputación de Lugo celebraron este xoves un encontro cos usuarios e usuarias do Centro de Día A Concordia de Ribadeo. Durante a xornada, os asistentes compartiron un xantar e desfrutaron ao longo da tarde de diversas actividades de lecer que remataron cun baile. Esta actividade organizada polo organismo provincial, ten por obxectivo promover a interacción social e mellorar o benestar dos participantes, ao mesmo tempo que favorece o intercambio de experiencias entre os residentes de ambos centros.