- O Resurrection Fest Estrella Galicia iniciará este xoves a venda dos primeiros abonos Early Bird para a edición de 2027, que se celebrará en Viveiro do 30 de xuño ao 3 de xullo
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
- Xuntanza de senadores do PP de Lugo coa Asociación Española de Gardas Civís
Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto co portavoz de Interior do Grupo Parlamentario Popular no Senado, Luis Santamaría, mantiveron unha reunión no Senado con representantes da Asociación Española de Gardias Civís na provincia de Lugo, que lles trasladaron as principais reivindicacións do colectivo e analizaron os problemas e necesidades que afectan á Garda Civil na provincia.
- A XIV Xuntanza Cantos de Taberna de Mondoñedo celebrarase este sábado na Praza do Concello
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
- A IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e a Feira de Artesanía de Ribeiras de Lea celebraranse o 12 de setembro en Castro de Rei, con apoio da Xunta
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
- Alfonso Villares participa nos actos con motivo da Patroa de Ribadeo
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
- O deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, participou no XXXIII Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal, celebrado no Mercado Comarcal Gandeiro
Destacou o apoio da Deputación ao sector primario a través da Granxa Gayoso Castro, centro de referencia en recría, formación e innovación. O evento, organizado pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego, incluíu o concurso morfolóxico de distintas categorías —ponis, cabalos do país, cruzados, percheróns, Pura Raza Galega e andadura serrada e chapeada— e unha exhibición de doma de alta escola con eguas de pura raza galega.
- Ata o venres 18 de setembro permanecerá cortado ao tráfico un treito da estrada provincial LU-P-2604 debido ao inicio dos traballos de fresado e posterior aglomerado e quente na vía, que comunica Xove con Valcarría
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.