- Un grupo de veciños de San Cibrao, integrantes da asociación Terra-Mar, visitou Madrid nunha viaxe organizada co apoio do Concello de Cervo
Durante a súa estancia na capital, tiveron a oportunidade de coñecer o Senado, onde foron recibidos, entre outros representantes, polo senador lucense José Manuel Balseiro, veciño de San Cibrao e pola deputada no Congreso, Cristina Abades, que traballou durante anos na Casa do Concello. Balseiro deulles a benvida á Cámara e acompañounos nun percorrido polas súas principais dependencias, explicándolles o funcionamento da institución e o labor que desenvolven os senadores. O parlamentario agradeceu á asociación Terra-Mar a organización desta iniciativa, que contribúe a achegar as institucións aos cidadáns e a fortalecer os vínculos entre a Mariña e a representación que exerce a provincia de Lugo no Senado.
- O servizo de quita e pon de contedores do casco histórico de Viveiro será suspendido de xeito temporal do 1 ao 5 de xullo, con motivo da elevada afluencia de persoas prevista durante a celebración do Resurrection Fest
Ademais, a medida responde a razóns de seguridade e operatividade, xa que a presenza de público nestas xornadas impide que os camións de recollida poidan acceder e circular con garantías por esta zona. Durante eses cinco días, os contedores permanecerán instalados nos seus emprazamentos habituais para que a veciñanza e os visitantes poidan depositar neles os residuos. Ademais, o servizo de limpeza reforzará as tarefas nos puntos vinculados á celebración do festival. O Concello solicita a colaboración da cidadanía para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles.
- O Concello de Cervo felicita á atleta Olga Vicente, do Club Deportivo San Ciprián, polo magnífico resultado acadado no Campionato de España ao Aire Libre, celebrado en Madrid, onde conseguiu un extraordinario 3º posto nos 80 metros valados
"Este éxito é froito do teu esforzo, dedicación e constancia, e é un orgullo para todo o noso concello. Desexámosche moitos máis éxitos deportivos e que sigas representando a Cervo e ao Club Deportivo San Ciprián con tanta ilusión e talento", salientan desde o consistorio.
- RegalXunqueira presenta “A beleza da diversidade”, unha exposición fotográfica de Alén Espiña Otero que se inaugura este xoves 2 de xullo ás 20:00 horas
A mostra reúne imaxes tomadas en Galicia, Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido pola biodiversidade e polos vínculos entre distintos ecosistemas. O fotógrafo, naturalista especializado en ornitoloxía, invita a contemplar a natureza cunha mirada pausada e consciente a través de 50 especies de fauna. Permanecerá aberta ata o 29 de xullo.
- O Concello de Cervo gardou este luns un minuto de silencio en memoria das vítimas do devastador terremoto que afectou Venezuela
Con este xesto simbólico, expresou a súa solidariedade co pobo venezolano, trasladando o seu apoio ás familias das persoas falecidas, feridas e afectadas por unha traxedia que continúa deixando un elevado número de vítimas e miles de damnificados.
- O Concello de Viveiro manterá aberto durante os meses de xullo e agosto o campo de fútbol Marcos Gómez, en horario de 8.00 a 15.00 horas.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
- Benedicta Vázquez Basanta celebrou o seu 100 aniversario, unha data que o Concello de Cervo quixo conmemorar cunha homenaxe especial
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitouna no seu domicilio para felicitala e entregarlle un ramo de flores en nome de toda a veciñanza. Nada en Sargadelos e veciña de Cervo, foi a máis nova de dez irmáns e desde moi nova traballou no campo e coidou dos animais, sempre cun gran espírito de esforzo. Nai, avoa e bisavoa, a súa familia destaca a súa alegría, enerxía e bo humor. Moi activa ao longo da súa vida, gozaba de viaxar, da praia, de conducir e de participar nas actividades municipais, ademais de cultivar a súa paixón por cantar. Coqueta, sorrinte e cun espírito novo, Benedicta é hoxe un exemplo de vitalidade para todo o municipio.