- Esta fin de semana celebrouse no Local Social da Asociación Terramar, na Casa do Mar de San Cibrao, unha nova sesión de Arruguiñas Charlando
A actividade estivo guiada por Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, quen impartiu unha charla sobre a xestión do ánimo. Foi un encontro pensado para aprender a relaxarse, fomentar o pensamento positivo e coidar a saúde emocional. A iniciativa contou co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
- O sábado 30 de maio ás 20:00 h celebrarase en Santa Emilia, Mondoñedo o recital anual do pianista Juan Rezzuto
Nesta edición interpretará obras de Haydn e Chopin, ademais de presentar composicións propias nun programa íntimo e especial que xa se converteu nun encontro imprescindible cada ano. Ao rematar, ofrecerase un brinde e aperitivo para todos os asistentes. As entradas están á venda e pódense reservar no teléfono 644 69 42 80.
- Seguen os Talleres Terapéuticos de Arruguiñas
O alumnado vén de rematar uns fermosos reloxos personalizados, elaborados con dedicación, creatividade e moita ilusión. Unha nova manualidade feita coas súas propias mans que volve poñer en valor o talento e o entusiasmo que se respira nestes talleres. A actividade desenvólvese cada venres na Casa do Mar de San Cibrao, en colaboración con Saúde Mental A Mariña. A concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, participa habitualmente nas sesións, onde comproba de primeira man o bo ambiente de convivencia, aprendizaxe e benestar que caracteriza este espazo. Un lugar de creatividade e participación que continúa medrando día a día.
- O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, asistiu este sábado aos actos programados con motivo da festividade do Bispo Santo en Foz, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia
As actividades desenvólvense durante esta fin de semana na capela e a área recreativa do alto da Grela, que acollen os actos litúrxicos e a romaría respectivamente, con animación musical, verbena e un espectáculo infantil entre outras propostas.
- "Eu voun navegar", o novo libro de relatos de Farruco Graña, presentarase en Ribadeo
Será o sábado 23 de maio, nas Letras no Campo, Feira do libro ribadense, nun acto no que estará acompañado de Suso Fernández Acevedo.
- O espazo cultural Foliada D’Fabric de San Cibrao acolle unha nova sesión de música participativa coa actuación de Comando Curuxás
Trátasde dun grupo coñecido pola súa posta en escena humorística e teatral, que combina música tradicional con estética de taberna e espírito festivo. O evento celebrarase o 22 de maio ás 23:00 horas na Rúa do Cobo nº 18, cun prezo de entrada de 5 euros. As persoas asistentes están convidadas a traer instrumentos para sumarse á foliada. A actividade conta con presenza en Facebook, Instagram e TikTok, onde se pode seguir a programación e novidades do espazo.
- Charla: "Poliquetos en Galicia" en Ribadeo
Celebrarase o venres 29 de maio ás 17:00 h e será gratuíta. Abordará o papel dos poliquetos no ecosistema mariño, as súas características e os riscos do uso de especies exóticas, con proxeccións e maquetas de varias especies empregadas como cebo. Impartiraa o grupo BIOCOST da Universidade da Coruña e está organizada por Posta de Encontro xunto con RedeMar, Xunta de Galicia, Federación Galega de Confrarías e a UDC. Reservas: WhatsApp no 634 97 08 86; 982 13 19 23; buenas@capturaspesca.com ou directamente na tenda Capturas Pesca, onde se celebrará o evento (Av. Leopoldo Calvo Sotelo 49, Ribadeo).