- A deputada de Cultura Iria Castro despediu as rapazas e rapaces que participaron na final estatal da Olimpíada Matemática, un certame que converteu a cidade de Lugo e Mondoñedo en escenarios de aprendizaxe e convivencia
O Pazo de San Marcos acolleu a conferencia final, de Manuel Andrade Baliño, e a entrega de premios ás alumnas e alumnos que obtiveron mellores valoracións nas probas que realizaron, o xoves, individuais, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, e o venres, por equipos, en Mondoñedo. A final do certame, cunha axenda complentaria que achegou ás rapazas e rapaces ao patrimonio e á cultura, celebrouse por primeira vez en Lugo da man da Asociación Galega de Profesorado de Matemáticas (Agapema) e coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.
- O Concello de Vilalba prepara as actividades para o eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026, que fará da provincia de Lugo un lugar privilexiado para observalo
Dentro desta programación, o martes 30 de xuño ás 11:00 celebrarase na Casa da Cultura unha charla divulgativa impartida pola astrofísica Lucía González Cuesta, aberta a toda a veciñanza. A iniciativa enmárcase no programa provincial que busca ofrecer información rigorosa e garantir unha observación segura. Durante a xornada repartiranse folletos e gafas homologadas. A alcaldesa, Marta Rouco, destaca o carácter histórico do eclipse e anima a participar para vivilo con seguridade. O Concello lembra que só deben empregarse gafas específicas para mirar ao sol e continuará colaborando en actividades divulgativas e sociais arredor deste acontecemento único.
- O Concello de Viveiro informa de que, durante o mes de agosto, non se tramitarán solicitudes de cesión de uso de espazos de titularidade municipal nin de préstamo de material
Por este motivo, o Concello recomenda ás persoas, colectivos e entidades que precisen facer uso dalgunha instalación municipal ou solicitar material que presenten as súas peticións coa antelación necesaria. A medida permitirá organizar adecuadamente a atención das solicitudes e a planificación dos recursos municipais.
- A Vicepresidencia da Deputación promocionará os produtos de razas autóctonas nas festas de Saldoira, na Pontenova
O público poderá degustar embutidos de porco celta da gandería Celtagal, de Mondoñedo. O deputado de Rural Daniel García, Alba Fernández, da organización das festas, e Iván Rodríguez e Jose Barreira, representantes de Asoporcel, presentaron a iniciativa, que se inclúe no programa de fomento do consumo de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural de gusto. O programa, posto en marcha en 2025 para socializar as calidades gastronómicas das carnes de razas autóctonas galegas con diferentes receitas, prevé este ano 37 degustacións en mercados, feiras e outras celebracións populares. Na organización, que conta coa colaboración das asociacións Puraga, Asoporcel e Boaga, prímase o emprego de materia prima de gandeiras e gandeiros locais.
- O Concello de Viveiro manterá aberto durante os meses de xullo e agosto o campo de fútbol Marcos Gómez, en horario de 8.00 a 15.00 horas.
O obxectivo é facilitar que os mozos e mozas que o desexen poidan facer uso destas instalacións. A medida permitirá empregar o campo para a práctica deportiva e para a organización de partidos informais durante o período estival. Desde o Concello de Viveiro sublíñase a importancia de ofrecer espazos deportivos accesibles durante as vacacións de verán e de favorecer hábitos de lecer activo entre a mocidade.
- Veciñxs de Ribadeo, persoal municipal, concelleirxs, o alcalde, representantes de Acisa e venezolanas asentadas no concello gardaron este venres un minuto de silencio en lembranza polas persoas falecidas nos terremotos ocorridos en Venezuela
A convocatoria foi realizada polo Concello para amosar a solidariedade de Ribadeo con esta catástrofe natural.
- A Sociedade Cultural Ledicia celebrará este domingo, 28 de xuño, un Festival de Baile e Música Tradicional na Praza do Concello de Burela, ás 19:30 horas, como peche do curso 2025/2026
No evento participarán todas as seccións da escola, que amosarán o traballo desenvolvido ao longo do ano. A entidade adianta tamén que está a ultimar os preparativos da XL Feira do Bonito, da que ofrecerá máis información proximamente.