08 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

E entón Deus dixo

28-05-10

A Igrexa católica, apostólica e romana está pasando por un momento complicado.. e non me estou a referir ós últimos dimes e diretes encol da polémica de abuso de nenos. Eu refírome ós últimos dous mil anos. Primeiro foi toda esa historia de que o home non é o centro do Universo. Logo queimar bruxas posuídas por Satán empezou a estar mal visto, deixou de estar de moda e as fogatas tiveron que extinguirse con auga bendita. Despois, Nietzsche matou a Deus sen pedir permiso a ninguén, e Belcebú, o Limbo e non sei cantas cousas máis tiveron que converterse en metáfora da noite para a mañá. E agora, por se a depravación moral que vivimos non fose xa suficientemente intensa, uns poucos beatos ben pensantes rasganse as vestiduras a pesar de que a maioría son nudistas confesos só por uns poucos centos de críos toqueteados por xente de recta moral e carnet do clero católico, apostólico e romano.

Se Deus non quixese tocamentos ós pequenos que a igrexa tenta educar, non crearia o desexo sexual, digo eu, non che parece? Non nos crearia ese desacougo e esa insoportable presión entre pernas que che grita: ¡sácame de aquí, sementa a túa semente. E ademais, que carallo, cen, douscentos, trescentos nenos toqueteados e violados, non e nada si o comparamos con dous mil anos de caridade, bondade cristián e perversas tentacións do lume do inferno?

Que o Papa o sabía? Bo, é o representante de Deus na Terra, recordo o catecismo do Padre Astete que dicía que Deus está en todas partes, que o ve todo, todiño, así que non hai unha cousa que o Papa non saiba. Seica é un pecado saber? Seica é un delito perdoar? Non podemos criminalizar a alguén só por ter un código moral que nos excede. Non podemos xulgar as decisións do representante de Deus, porque só Deus pode xulgar iso.

Deus deunos os seus, soio os seus elixidos e unxidos cos óleos do sacerdocio, libre albedrío para tocar nenos e tamén para calar se nos preguntan. Déunolo para aprender idiomas e chegar a Papa co peso destes abusos de nenos e nenas sobre a conciencia. E Deus, non o esquezamos, está en todas partes. Deus está en cada sistema inmunolóxico que falla en África e en cada euro para o Domund.

Deus dixo: propagade a miña palabra. E fíxose a multinacional máis rendible da historia do home. E Deus viu que era bo. E dixo: inventade o pasado, creade un personaxe e chamádelle fillo meu. E dixo: sede crueis e nobres no meu nome, sede cobizosos e xenerosos a partes iguais. E dixo: proclamade con igual forza a luz e a escuridade, sementade o medo e a incerteza, dicídelles que son amor, pero tamén castigo infinito. E Deus dixo: a todo isto chamarédeslle control social, que se derramará por todos vós para o perdón dos pecados. E viu que era bo.

Un alto cargo da Igrexa católica apostólica e romana abusou de máis de douscentos críos coa complicidade do representante terreo do Supremo Creador. Palabra de Deus. Alabémoste Señor.

Otero Regal

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive