13 de Agosto de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Manifestación pola sanidade pública e numeroloxía

28-06-10

Todo o mundo sabe que os políticos só din verdade cando lles interesa. De feito a sona de mentireiros téñena ben gañada. Isto vén a conto das reaccións do PP á manifestación do sábado pasado en Burela en defensa da sanidade pública e da área sanitaria da Mariña.

En primeiro lugar quero deixar clara a miña defensa e posicionamento en favor da sanidade pública, xa que é a única que pode garantir unha asistencia digna sobre todo para as persoas máis desfavorecidas, máis necesitadas e con menos capacidade como poden ser os maiores e as familias con enfermos crónicos. Por outra banda o hospital de Burela ten para min e para moita xente de Burela un alto significado emocional e de identidade, pois é o produto do traballo e da loita de veciños e asociacións de finais dos anos 70 e do comportamento altruísta de moitas familias que doaron as súas leiras para a súa construción.

Non vou entrar nas guerras de cifras dos asistentes á manifestación, pero si quero poñer de manifesto a manipulación do PP nunha nota que pretende desprestixiar o apoio dos veciños no exercicio dos seus dereitos democráticos para reivindicar o que considera en xustiza para o seu benestar e do súa familia como é a saúde.

Podo entender o uso da demagoxia na loita política, pero non podo entender a ignorancia dos nosos representantes, que non saben facer as contas, nin sequera unha simple multiplicación, para achegar os datos aos seus intereses. Nun debuxo de Castelao dille un paisano a outro: –”Os números non enganan”. E retrúcalle: – “Pero poden enganar os que os fan”.

Na nota do PP publicada neste medio di que “non encheron a Praza da Mariña” “Este espazo de aproximadamente 900 metros cadrados, non estaba cheo polo que, facendo un cálculo de 3 persoas por metro cadrado, o número de manifestantes nin se achegou aos 1.500”.

Observen atentamente os números. Cando eu ía á escola 9×3= 27. Polo tanto, ou non se sabe a táboa de multiplicar, ou hai mala intención ou é un erro. Neste último caso deberan recoñecelo, pero sei que non vai ser así; sería a primeira vez. O resultado tería que ser 2.700. A explicación tamén pode ser a que dá Castelao, cando un amigo lle di a outro que está estudando, – “Non estudies. Faite político e podes chegar a Ministro de Instrucción Pública…

Outro erro de cálculo é o espazo que ocupa a Praza da Mariña. Unha medición feita co SIGPAC, -cousas das novas tecnoloxía- dálle unha área a este lugar de 1.940 metros cadrados, que se os multiplicamos por 3 persoas por metro cadrado que considera o PP como media de asistencia, dá uns resultados de 5.820 veciños da Mariña que reivindicaban unha mellor sanidade pública.

Seguindo a filosofía de Castelao, parabéns a estes políticos, porque teñen moito futuro. Outra cousa é como lle vaia á cousa pública, pero iso, en democracia, é responsabilidade de todos. Xa veremos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive