25 de Agosto de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O novo Plano Hidrolóxico da Xunta continúa co saqueo dos ríos galegos, asegura ADEGA

23-08-10

NOTA DE PRENSA
23 de agosto de 2010. Malia á suspensión en 2005 (Decreto 555/2005) da concesión de 32 aproveitamentos hidroeléctricos e á aprobación en 2006 da ILP en Defensa dos Ríos, novas minicentrais amezan a vida dos nosos ríos da man do novo Plano Hidrolóxico. As concesións hidroeléctricas aprobadas polo governo Fraga en funcións e denunciadas polo Consello de Contas, poden ser unha realidade denantes de 2015. Feijóo (daquela vicepresidente) e Hernández (daquela responsabel de Augas de Galiza) pretenden continuar co saqueo dos nosos ríos onde o deixaron en 2005.

Mais a situación mudou: a Directiva Marco da Auga obriga a acadar o bo estado das masas de auga para 2015, algo que este Plano Hidrolóxico non pode garantir, e menos con novas minicentrais. Europa non aceitará as escusas de mal pagador da Xunta e podería ameazar con sancións ou coa retirada de fundos como aconteceu coas depuradoras ou a Rede Natura. Por outra banda, a Lei 5/2006 de Defensa dos Ríos Galegos prevalece sobre a planificación sectorial, e calquera incumprimento podería dar lugar a responsabilidades penais que ADEGA sen dúbida esixirá, aumentando a nómina de imputados do actual governo. Mais a peza chave é o compromiso social en defensa dos ríos e a oposición a estas novas desfeitas, que ADEGA levará até as últimas consecuencias.

Á Xunta non lle quedaba outra que acatar a normativa Europea e comezar a cumprir, cun escandaloso retraso, os preceitos da Directiva Marco da Auga. Mais como en tantos outros casos, o documento do Plano Hidrolóxico é para a administración un molesto trámite, no que o diagnóstico do estado dos ríos vai por un lado e as propostas de actuación, por outro. Só así pode entenderse que, recoñecendo que as principais afeccións aos ríos galegos son as minicentrais (preámbulo da lei 5/2006, aprobada por unanimidade dos tres grupos parlamentares), e que o 30% dos ríos e o 82% dos encoros non acadan o bo estado (documento de síntese do PHGC), a administración receite máis aproveitamentos hidroeléctricos.

Curioso tamén que maila a que o sector enerxético vencellado á auga emprega apenas un 2% (incluindo térmicas e gaseiras) dos postos de traballo totais, e a que a minihidráulica queda fóra das prioridades do Plano Enerxético 2007-2012, a Xunta contempla un cenario “sustentábel” para o 2015 con 33 novas minicentrais, con nomes e apelidos, sen ter sequera aprobado o instrumento para desenvolver o sector (Plano Sectorial Hidroeléctrico). Quizáis porque este documento, a piques de ser aprobado polo bipartito, establecía o “punto final” ás minicentrais en base ao cumprimento da Directiva Marco e á diagnose de sobreexplotación dos nosos ríos. Deste xeito, resulta evidente que un dos obxectivos deste Plano Hidrolóxico é dar “cobertura legal” ou millor dito apariencia de legalidade, a un novo saqueo do noso patrimonio fluvial.

E é que durante a era Fraga, as minicentrais viviron a súa idade dourada cando os ríos non eran máis que reservorios de quilowatios para repartir entre os amigos. Trámites administrativos express, declaracións ambientais a medida, Plano Hidrolóxico (o vixente) sen avaliación ambiental, trafego de concesións… Minicentrais perpetradas en plena Rede Natura (ríos Verduxo -salto do Ramallal- e Oitavén -salto do Gaxate-) promovidas por persoeiros como Antonio Vidal Pego (prófugo da Interpol por pesca ilegal) e Luis Castro Valdivia (cuñado do ex-Director Xeral de Industria do PP Ramón Ordás Badía) imputados ambos por tráfico de influenzas, exemplifican a corrupción e unha pésima xestión que non debería voltar.

O propio conselleiro Hernández coñece de primeira man o novelo das minicentrais. Súa é a sinatura da Declaración de Impacto Ambiental máis delirante da historia, a do encoro do Umia, cando era subdirector xeral de Infraestruturas Hidráulicas. O documento, e a súa incríbel “corrección de erros” posterior, é ben coñecido no sector como exemplo de chafallada e prepotencia: era copia literal doutro proxecto en Huelva no que nen sequera molestáronse en trocar os topónimos (Puebla de Guzmán, río Guadiana…) Deste xeito despachouse unha obra sen estudo de campo que logo o Supremo en tres sentenzas declarou ilegal a ocupación de terras pola Xunta. Por iso, en ADEGA non nos fiamos deste conselleiro que, con semellante curriculum, parece máis o raposo a ter conta do galiñeiro que o responsábel de garantir a saúde dos nosos ríos.

Dende ADEGA preguntámonos se os señores Hernández e Feijóo van xestionar os ríos galegos como o fixeron cando ostentaron cargos de responsabilidade na era Fraga. Daquela, a prepotencia e a impunidade eran a norma. Agora, a sociedade galega avanzou na conciencia ambiental e hai máis ferramentas legais para defender os nosos ríos. Dende logo, ADEGA non vai asistir impasíbel á reedición dunha política hidráulica caduca e insustentábel máis acaída á época de “Cuéntame”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive