19 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Nordés Faladora organiza este sábado unha xornada de toponimia do Concello do Vicedo

20-02-18

O Vicedo 20-2-18. Dende a Illa da Coelleira ata a parroquia de Cabanas, dende Suegos ata San Miguel de Negradas moitos son os topónimos que acolle o concello do Vicedo: A Tarroeira, A Capariña, O Fontao ou As Alpuxarras, son algúns dos exemplos.
Se aínda imos máis aló destes nomes ligados á poboación, atoparemos microtopónimos como “As Abelleiras”, nas Negradas, que se refire a un lugar onde hai colocadas colmeas ou “A Mangoeira”. Este último e o nome dun illote na parroquia de Suegos, relacionado, posíbelmente coa forma da “mangueira”, unha parte do instrumento co que se realizaba a malla do cereal.

Hoxe, a microtoponimia afastase do uso cotiá e perdese na memoria a causa da despoboación do rural e do éxodo á cidade. Para loitar contra esta pingueira, Xosé Luis González, natural das Negradas, creou unha serie de bitácoras on-line (blogs) que buscan conservar e explicar a orixe destos nomes de camiños, partes dunha aldea, montes, parroquias ou regos (e máis) dos concellos da Mariña e do Ortegal.
Por iso, Nordés convídavos a achegarvos á Casa da Cultura do Vicedo, o sábado 24 de febreiro, ás 18:00h. para coñecer a orixe da toponimia e da microtoponimia do Concello que este veciño foi recuperando ao longo dos anos no seguinte blog: http://toponimiavicedo.blogspot.com.es.
Xa sabedes! Se tedes interés en coñecer as orixes dos diferentes lugares do Concello ou os motivos polos cales se chama así aquel camiño preto da vosa casa, achegádevos! E se coñecedes algún microtopónimo que Xosé Luis González non recollese na súa bitácora, vinde a comentalo con todas e aportar unha area ao reloxo do tempo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive