22 de Febreiro de 2020

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Mariña homenaxea a Luís Trigo Chao “O Gardarríos”

20-06-18

Lourenzá 7-6-18. As localidades de Mondoñedo e Lourenzá acollerán o sábado 23 de xuño unha homenaxe a Luis Trigo Chao “O Gardarríos”, coincidindo co 70 aniversario do seu asasinato, acontecido o 25 de xuño de 1948 en Vilanova. Segundo sinalou Xosé Luis Fernández Rivera, membro da comisión popular pro homenaxe ao Gardarríos, “o obxectivo do acto é deixar testemuño da entrega á loita pola democracia de Luis Trigo e a súa compañeira Antonia Díaz Pérez, asasinados en Lourenzá vai para setenta anos e tamén de todas aquelas persoas que na súa condición de enlaces prestaron axuda a aquela loita asumindo os riscos derivados de enfrontar á ditadura”

Luís Trigo Chao, nado o 24 de decembro de 1891 en San Pantaleón de Cabanas no antigo Concello de Riobarba, foi o máis coñecido guerrilleiro antifranquista da comarca da Mariña. Emigrante en Cuba e Arxentina, onde participou no movemento obreiro e se vinculou á ideoloxía socialista, foi o secretario xeral desta organización en Mondoñedo durante o período republicano, desenvolvendo, ao tempo, unha importante labor na organización da Federación de trabadores da terra da UXT neste concello. Gardarríos de profesión, perseguido pola súa militancia política con motivo da súa implicación na revolución de 1934, non dubidou en pasar á clandestinidade, unha vez triunfou o golpe de estado franquista, para fuxir da represión. Agochado en diversos lugares de comarca, apoiada por unha importante rede de apoios, mantivo a chama da resistencia até xuño de 1948, momento no que é asasinado en Lourenzá.

“Unha mención especial”, indica Xosé Luís Fernández Rivera, “son os centos de persoas que en toda a comarca da Mariña pero tamén nas terra Chá, A Corda ou as terras do Eo Navia lle prestaron a súa colaboración. Neste sentido queremos que a xornada de homenaxe teñan unha especial lembranza para todas elas”. “Só en Vilanova e Mondoñedo”, continúa Fernández Rivera, “foron procesadas após a súa morte Francisco Fernández Piñeiro “Paco de Cora”, Ramón Ventoso Rodríguez, Remedios Ron, Pablo Maseda, Amalio Gómez, Candido Coira, Encarnación Valea, Gerardo Redondo, Francisco López, Xosé María Alonso, Francisco Basanta, Francisco Fernández, Candido Cortiñas, Xosé Freire, Xosé María Gómez Agrelo, Juan Miranda, Antonio Rego, Antonio Rpdríguez, Eulogio Vidal, Juan López Iravedra, Manuel Rey Busto,Graciano Leivas, Dodolino Díaz Jácome, Benito Expósito, José Díaz Gil e José Paz Vázquez, este último veciño de Foz”.

O programa de actos do 23 de xuño comezará cunha mesa redonda sobre a figura de Luís Trigo Chao que se celebrará a partir das 12:00 da maña na casa da xuventude de Mondoñedo, no que participarán diversas persoas estudosas da súa vida. A xornada terá continuidade a partir das 17:00 no cemiterio de Vilanova de Lourenzá onde se inagurará un monólito no espazo onde están enterrados os cadáveres de Luís Trigo Chao e Antonia Díaz Pérez, ideado polo artista plástico mariñao Daniel Río “Caxigueiro”. A seguir desenvolverase un espectáculo poético musical, no que tomarán parte diversos poetas da Mariña e doutros lugares de Galiza, así como músicos como laurentino Lino Rico. Ao tempo, durante os actos tomarán a palabra Francisco Martínez López “Quico”, veterano da guerrilla antifranquista e mebro da Federación de guerrillas de Galiza e León e da II agrupación do exercito guerrilleiro de Galiza e Fernanda Cedrón Trigo, neta maior de Luís Trigo e destacada activista da causa da memoria histórica.

A Comisión popular pro homenaxe ao Gardarríos anima a toda a veciñanza da Mariña, aos colectivos sociais, organizacións sindicais e políticas e institucións a sumarse a este acto de xustiza. Neste sentido poñemos a vosa disposición unha conta de correo electrónico, homenaxegardarrios@gmail.com, e un número de telefone, 608-98-74-74, para que fagades chegar o voso apoio e colaboración a esta homenaxe. Ao tempo damos conta de que nesa xornada celebrarase un xantar de conviviu aberto a todas as persoas que queiran inscribirse até un número de 50.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive