20 de Maio de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Foz denuncia publicamente a censura a última hora do debate proposto pola comunidade educativa no IES de Foz

16-05-19

Foz 16 de maio de 2019. O BNG de Foz denuncia publicamente a censura a última hora do debate proposto pola comunidade educativa no IES de Foz. Un debate tradicional que o claustro do IES coa participación dos alumnos de 4º da ESO e bacharelato e ciclos formativos, leva facendo dende o ano 2011, para diferentes convocatorias electorais. Cónstanos ao BNG que os alumnos levaban tempo preparando o debate (teñen a posibilidade de escoitar os argumentos e posteriormente preguntar aos candidatos) con moita ilusión e interese.
Hoxe, no mesmo día do debate o director do IES recibe unha chamada da Consellería de Educación prohibindo a realización deste. Os alumnos por moito que menores de idade e sen dereito ao voto, son o noso futuro e a educación é mais que o currículum académico, bastante mais. Estanse a formar cidadáns e as ferramentas para a súa formación son moitas ademais das que torpemente a consellería considera exclusivas.
A educación en valores, a formación en cidadanía debe permitir que os alumnos recoñezan que a sociedade é política, que ten opinión e que se canaliza civilizadamente a través dos seus representantes, ou escollese libremente non optar por ningún. Pero para iso, débense propoñer ferramentas nas que os alumnos, futuros cidadáns de dereito e actores políticos podan sentirse útiles, e non meros copistas de apuntes e lectores de libros de texto. Nesta ocasión, non pode ser casual que no Concello de Foz e no de Barreiros non existan debates públicos como noutras ocasións e que por medio da consellería se instrumente o xeito para evitar o debate diante dos alumnos. Unha auténtica aberración que merece a solicitude de dimisión do responsable deste atentado contra a liberdade de expresión e contra a formación dos alumnos.
Non é casual tampouco que as redes sociais do BNG en Cervo, Xove, Barreiros, Mondoñedo e Burela, fosen hackeadas nunha planificación que se extende a Ferrolterra e xa todo o país. Se o que pretenden dos alumnos e que se comporten como a imaxe dos monos do santuario de Toshogu e non vexan, non escoiten e non falen, verán que resultará imposible e cando teñan dereito ao voto, contrariamente ao que esperan, volveráselles en contra.
Suspender un debate nun centro educativo vai de fronte contra o que debe ser unha educación aberta. O contexto no que se desenvolve o alumnado, e a política forma parte fundamental del. A consellería do PP non pode facernos crer que en plena campaña un debate con todos os candidatos dos veciños non é educativo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive