15 de Setembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Cadernos da viaxe. “O resgate marítimo é un deber absoluto”, por Xoán Antón Pérez Lema

26-08-19

Penso que non lles estou a descobrir nada novo se lles digo que cada vez que fala a vicepresidenta do Goberno do Estado en funcións, Carmen Calvo, sobe o pan. Mais a última, manifestando que o buque Open Arms non tiña “dereito a resgatar” sobarda todos os límites da falla de empatía e da ética política, amáis de constituir unha sinalada proba da súa ignorancia a respecto do Dereito Marítimo Internacional.
As normas aplicábeis son claras abondo, como poucas veces o Dereito. Tanto a Convención internacional para a seguranza da vida humana no mar (SOLAS) como a Convención do Dereito do Mar da ONU obrigan calquera buque de calquera bandeira a resgatar calquera persoa de calquera nacionalidade que se atope en situación de risco para a súa vida. E lle obriga levar estas persoas a un porto seguro.
Xa que logo, a obriga de resgatar no mar é un deber absoluto e está por riba de calquera restrición que impoña calquera acto administrativo estatal. Porque os Tratados internacionais, dacordo o artigo 96 da Constitución, constitúen parte do Dereito aplicábel nada máis entran en vigor, por riba das propias normas estatais, xa que só poden ser reformados ou derrogados dacordo cos propios procedementos previstos ad hoc en cadanseu Tratado.
Nunha situación como a do Mediterráneo central, no que levan morto 572 persoas no que vai deste 2019, a obriga de resgate non só é absoluta, senón continua e habilitante para case calquera caste de situación inimaxinábel. É máis, cumprirían ducias máis de Open Arms mentres a Unión Europea non enfronta as obrigas que lle impón a normativa internacional de Dereitos Humanos. Considerando, ademáis, que o concepto “porto seguro” non inclúe calquera outro que non pertenza á Unión Europea porque na Libia subsiste a gravísima situación dos migrantes en tránsito e Tunicia non ten medios para atender a xeito estas persoas.
Vivimos nunha enxurrada de mensaxes políticas xenófobas, representadas nomeadamente polo líder extremista italiano Salvini que, porén, semella que vai fracasar no seu tentamento de anticipar eleccións, diante da intelixente manobra do primeiro ministro Giuseppe Conte ao lle opór un pacto entre o Movimento5stelle e máis o Partito Democrático.Mais a mala semente de Salvini chegou tamén ao Estado español e non só ás fileiras do tripartito de extrema dereita, senón ao propio PSOE.
Porque as desaqueladas mensaxes da vicepresidenta Calvo e máis do ministro Abalos e o silencio de Pedro Sánchez amosan que o PSOE, que xa lle mercou á dereita o seu modelo territorial e o seu 155, está a lle mercar a súa política demagóxica e xenófoba contra as persoas migrantes.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive