15 de Decembro de 2019

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Parlamento galego demanda para as festas parroquiais o recoñecemento como patrimonio cultural inmaterial

27-11-19

Santiago, 26 de novembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a que recoñeza ás festas parroquiais galegas como patrimonio cultural inmaterial de Galicia na súa categoría de Ben de Interese Cultural.

A deputada popular Encarna Amigo afirmou que “as festas parroquiais en Galicia caracterízanse por ser un auténtico sentimento de identidade, de tradición e, mesmo, de solidariedade”. “As festas parroquiais provocan sentimentos de harmonía e de boa acollida, que une ao pobo e aos visitantes coa terra galega”, salientou.

“Cada unha das parroquias, e en ocasións distintas aldeas dunha mesma parroquia, ademais do propio concello, teñen como costume celebrar polo menos unha festa anual para honrar ao seu patrón ou patroa, case sempre con programación musical en directo, o que fai que anualmente en Galicia se produzan unha gran cantidade de verbenas e dera lugar a unha industria musical totalmente enmarcada neste conglomerado lúdico, festivo e singular que move un gran numero de recursos e xera moito emprego”, sinalou.

ASPECTOS TRADICIONAIS QUE MUDAN

Porén, Encarna Amigo manifestou que “os aspectos tradicionais de dinamización que se daban nas pequenas vilas e aldeas están mudando polo envellecemento da poboación, a baixa demografía e o éxodo progresivo da xente moza cara ás cidades”, o que “trae consigo un progresivo desarraigamento que pode levar a futuras xeracións a un paulatino abandono dos seus referentes”.

“Esta situación pode chegar a debilitar o mantemento das tradicións populares locais e afectaría á parte máis lúdica da festividade de cada patrón”, indicou a deputada popular, polo que dixo que con esta proposición non de lei “queremos mostrar o noso apoio para que as festas parroquiais galegas sexan recoñecidas como patrimonio cultural inmaterial de Galicia”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive